Unha vida por e para Galicia

Antonio Fraguas Vázquez, nace na aldea de Insuela da parroquia de Loureiro, o 28 de decembro de 1905. Fillo natural de Teresa Fraguas Vázquez e Manuel Fraguas Rodríguez, ela da parroquia de Armeses (Maside – Ourense) e el da de Loureiro (Cerdedo –Cotobade, Pontevedra).

O proxenitor, canteiro de oficio, emigrara a Brasil antes de nacer o neno, pero ao regreso casou co nai e recoñeceu ao fillo, o 7 de agosto de 1912, cambiando dende entón os apelidos.

Ata os 13 anos estudou na escola pública de parroquia e logo algúns meses na dun mestre que daba clases particulares na aldea de Famelga, que ao saber que a familia tiña pensado emigrar a América, suxeriulle que era mellor que quedasen e lle deran ao fillo unha carreiriña. Aceptaron o consello e o 25 de xuño de 1919 aproba o ingreso do Bacharelato no Instituto de Pontevedra, que acaba en xuño de 1924. Tivo por profesores, entre outros, a Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas, e como condiscípulo, a Sebastián González García-Paz.

Matricúlase na Universidade de Santiago,  na Facultade de Filosofía e Letras en 1924, conclúe en xuño de 1928, cunhas cualificacións extraordinarias.

Ao pouco de chegar a Compostela comeza a relacionarse co Seminario de Estudos Galegos. En 1927 participa na xeira, ou traballo de campo, da Terra de Deza baixo a dirección de Florentino López Cuevillas, centrando o seu labor na catalogación dos xacementos arqueolóxicos, que continuará nos anos seguintes co estudo das mámoas do Saviñao e da Terra de Melide. Ingresa no mesmo como socio activo o 5 de novembro de 1928, mantendo dende entón unha cordial amizade con Otero Pedrayo, López Cuevillas, Risco, Losada Diéguez, Castelao, Carballo Calero, Filgueira Valverde, Xesús Carro García, Fermín Bouza-Brey, Xaquín Lorenzo, etc.

Publica os primeiros traballos na revista Nós e en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, e despois da Guerra Civil noutras moitas revistas. Tamén colabora na prensa periódica, sobre todo dende a posguerra, aínda que o primeiro artigo xa o dera a coñecer o 8 de outubro de 1927 en El Pueblo Gallego.

Se cadra xa mantivera contactos coas Irmandades da Fala en Pontevedra, pero cando se afilia é en Santiago, tomando parte, por exemplo, na xuntanza que celebran nesta cidade en decembro de 1928 ou en xaneiro do ano seguinte, os grupos da Coruña, Ourense e Santiago. Milita no Partido Galeguista dende a fundación no mes de decembro de 1931, sobresaíndo a súa actuación á fronte do grupo da Estrada como Secretario Xeral en 1936.

No mes de novembro de 1933 toma posesión como profesor do “Colexio Subvencionado – Estatal da Estrada”, que nos cursos seguintes pasa a Instituto Nacional de Segunda Ensinanza, no que permanece como secretario ata a Guerra Civil. Durante estes anos destaca non só como docente (visita cos alumnos monumentos, catalogan os xacementos castrexos, fan algunhas catas arqueolóxicas, montan un museo no Instituto, etc.), senón tamén como activista político e cultural: imparte conferencias, participa en actos culturais, organiza excursións, dirixe ou participa en asociacións, colabora na radio, que etc.

A sublevación militar do 18 de xullo supuxo a súa expulsión do ensino público, ademais de correr serio perigo a súa vida. Sufriu humillacións por parte dos falanxistas, obrigándoo ata a beber aceite de ricino e a ir coa bandeira da Falange cantando o Cara al sol con outros membros do partido polas rúas da vila. O Seminario de Estudos Galegos pechou definitivamente, varios membros foron fusilados, outros fuxiron para o exilio e os que quedaron aquí, como el, sufriron total ostracismo. Tamén desapareceu o Instituto da Estrada que en adiante pasa a denominarse Colegio de la Purísima Concepción, dirixido polo párroco.

Durante estes anos non pode máis que dedicarse ao ensino privado nunha academia en Santiago, pero constando como director un crego. Participa en 1943 na constitución do Instituto “P. Sarmiento” de Estudios Gallegos, que tratou de ser o herdeiro do antigo Seminario de Estudos Galegos, malia que nunca chegou a acadar tan distinguida consideración, primeiro como bibliotecario e logo desempeñando outros cargos, á vez que colabora na revista Cuadernos de Estudios Gallegos, organiza exposicións, etc.

O 13 de decembro de 1942 é nomeado académico correspondente da Real Academia Galega, ao que seguirá en 1951 o de académico de número, cadrándolle ocupar a cadeira que fora de Castelao. O discurso de ingreso non o le ata o 8 de maio de 1956 e versou sobre un tema relacionado coa súa terra natal:  Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán” ou as coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade, ao que respondeu o patriarca Ramón Otero Pedrayo.

En 1948 defende a tese de doutoramento na Universidad de Madrid sobre a historia  do Colexio de Fonseca, e, despois de varios intentos (sempre frustrados polos antecedentes políticos), aproba as oposicións a catedrático de instituto de Xeografía e Historia e escolle como primeiro destino o de Lugo, no que toma posesión o 15 de maio de 1950.

Como fixera antes na Estrada, na cidade das murallas tamén colabora con todas as institucións culturais, imparte conferencias, publica artigos, etc., ata o primeiro de xullo de 1959 en que a petición propia solicita traslado para o Instituto feminino “Rosalía de Castro” de Santiago.

De novo en Compostela, volve impartir clases como profesor auxiliar na Universidade, colabora arreo no Instituto “P. Sarmiento” de Estudios Gallegos, é nomeado director do Museo Municipal e bibliotecario da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, participa na fundación da  Academia Galega de Ciencias, publica varios libros e artigos en revistas e xornais, etc.

Xubílase o 28 de decembro de 1975. Poucos días despois, o 24 de xaneiro seguinte, asiste a unha reunión no Hostal dos Reis Católicos de Compostela verbo da creación dun museo de Antropoloxía de Galicia, promovido por Carlos García Martínez, Justo Beramendi e Manuel Gallego. A idea prosperou e o 31 de xullo xa se constitúe a Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego, do que foi director e vicepresidente primeiro, inaugurándose as primeiras salas o 29 de outubro de 1977.

En 1983 créase o Consello da Cultura Galega do que é nomeado membro a título individual e ata o pasamento coordinador da sección de Antropoloxía Cultural.

Durante estes anos publica varios libros e empeza a ser recoñecido o seu labor  dende mozo a prol da nosa cultura: Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Premio Trasalba, Premio de Investigación da Xunta de Galicia, Cronista Xeral de Galicia, Premio R. Otero Pedrayo, Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, etc.

 

O 17 de decembro de 1994 asina o documento de doazón da súa biblioteca ao Museo do Pobo Galego; o 29 de maio de 1999 a asemblea do Padroado do Museo aproba a creación da Fundación “Antonio Fraguas Fraguas”, e o mesmo día renuncia á seguir á fronte do Padroado por motivos de saúde. O 31 de outubro publica o derradeiro artigo no xornal O Correo Galego e cinco días despois falece en Santiago de Compostela, onde recibe sepultura á entrada do cemiterio de Boisaca, xunto a Ramón María del Valle-Inclán, Aurelio Aguirre e, dende o 5 de xaneiro de 2012, Isaac Díaz Pardo.

Antonio Fraguas Fraguas, como a maioría dos compañeiros do Seminario de Estudos Galegos, salienta polos seus vastos coñecementos, en particular sobre a nosa Cultura Popular, como divulgador e ameno conferenciante e, principalmente, pola súa amabilidade e bonhomía, do que dan fe cantas persoas o trataron, así como os alumnos dos Instituto da Estrada e Lugo e as alumnas do de Santiago de Compostela.

 

Clodio González Pérez
Museo do Pobo Galego – Fundación Antonio Fraguas Fraguas