Os primeiros recoñecementos: membro da Real Academia Galega

O 13 de decembro de 1942 é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega. O acto, masivo xa que foron 32 (entre eles unha muller, Amada López de Meneses), desenvolveuse no paraninfo da Universidade Compostelá. O motivo de que se acordase elixir á vez a tantos, non era outro que encher dentro do posible o baleiro que deixara na institución á Guerra Civil, entre asasinados e exiliados.

Anos máis despois, o 19 de abril de 1951, preséntano para membro de número os académicos Salustiano Portela Pazos, Ramón Otero Pedrayo e Luís Iglesias Iglesias, cadrándolle por sorte a cadeira que fora de Castelao, o seu profesor no instituto de Pontevedra e logo amigo e compañeiro de angueiras políticas e culturais, que se mantivera sen ocupar ata o seu pasamento en 1950. O discurso de ingreso non o leu  ata o 8 de maio de 1956, “Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán”, e trata, como el mesmo di, dunhas cantas coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade.

Seguindo o protocolo destes actos, comezou cunhas palabras eloxiosas verbo de quen estivera antes na cadeira, non obviando ata referirse á súa obra prohibida pola ditadura que aquí nin sequera se podía nomear:

… Veño a ocupar un lugar que quedou valeiro o día sete de xaneiro de mil novecentos cincuenta cando alá lonxe, en Bós Aires, morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que por non poder barrer a morte do leito dos enfermos non quixo exercer a meiciña. Quizais fora millor deixar vacante o seu posto deica que outro artista como él ou Rosalía, as duas representaciós de Galicia mais sinceiras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira…

Xenio superior, outo e lanzal, guiado coa mais pura sinxeleza, sinteu os pesares cedo e sinteinos sempre. Toda a sua vida levou na i-alma a dolor de ferintes espiñas. Pra apagar a sua tristeza cubreuna a cotío coas mellores campas da realidade ou da fantasía e revisteu a obra coas galas do humorismo confirmándose unha vez mais a sentencia de Mark Twain: “debaixo do humorismo hai sempre unha grande door”. Foi Castelao humorista por excelencia, humorista que fai rír ou fai sorrír, pro sempre fai pensar…

Prosas por nós moi estimadas son Verbas de chumbo, serie de artigos feitos en Extremadura e publicados en A Nosa Terra, a súa revista predilecta, e Sempre en Galicia, a mellor, máis noble e máis sinceira interpretación da terra. Os dibuxos de Castelao ilustraron periódicos e revistas. Do seu lápiz saíron agudas caricaturas a cuio tema adicou conferencias e traballos; a teorías das líneas aplicadas ôs caracteres dos homes era sorprendente. O álbum Nós mereceu que nos xuícios críticos dixeran dél que non se había feito nada igual dende Goia. Máis tarde debuxou: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos…

 

Ao que respondeu outro amigo e compañeiro de antano, o patriarca Ramón Otero Pedrayo, que rematou con estes palabras:

… Con amizade e lembranza un dos mais antigos académicos síntese mozo e case estudante o dar a norabóa o novo académico pois co il e co seu belido discurso moitas canles xordas sóan a primaveirales arroiadas e nos peitos cheos do anceio de novos traballos e alboradas érguese o grave e xogoral a estrofa pondalián:

Por o baixo cantando

 o sonoroso vai

……………………..

 

    E co ela a inmorredoira esperanza (FRAGUAS, 2016).

Don Antonio publicou varios artigos no boletín da Academia e tamén dous libros, dedicados a outros tantos homenaxeados como el co día das nosas letras: Aquilino Iglesia Alvariño: vida e obra. Escolma de textos (1986) e Celso Emilio Ferreiro (1989).

Como remate, cando xa contaba 91 anos, durante o lapso que se produciu entre as presidencias de Domingo García-Sabell e Francisco Fernández del Riego (30 de xuño a 30 de novembro de 1997), desempeñou o cargo de presidente en funcións, representando á institución en varios actos, entre outros, na presentación do Dicionario da Real Academia Galega no pazo compostelán de Fonseca (26 de novembro) e na sesión plenaria da que saíu elixido presidente Francisco Fernández del Riego (30 de novembro) (POUSA, 1997).

            Non foi este o único recoñecemento, xa que por estes mesmos anos tamén o nomean socio correspondente da Associação dos Arqueólogos Portugueses, da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia (1946) e do Instituto “António Cabreira” (anexo da Academia de Ciéncias de Portugal) (1952), vogal da Comisión diocesana de Arte Sagrada da diocese de Lugo (1952), “Irmán maior” da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela, 1954), xefe da sección de Historia Moderna e Contemporánea do Centro de Estudios Jacobeos de Santiago (1955), vogal da sección de Etnoloxía do Museo Municipal de Santiago (1960), etc.

 

 

Bibliografía:

FRAGUAS FRAGUAS, A. (2016): “Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán”, <As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade> LIGAZÓN, Real Academia Galega.

POUSA, L. (1997): “Fernández del Riego toma posesión como novo presidente da Academia”, El Ideal Gallego, 30 de novembro.