O XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Fraguas alenta a comunidade escolar a investigar o patrimonio lingüístico e cultural

A fundación do autor convoca unha nova edición deste proxecto, en colaboración coa Xunta de Galicia


Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026.- A Fundación Antonio Fraguas Fraguas e a Xunta de Galicia convocan a XIV edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Unha iniciativa dirixida á comunidade escolar que propón traballar ao redor do patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico galego. Así o anunciaron hoxe na presentación a presidenta da fundación, Concha Losada; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e un dos coordinadores do proxecto, Bieito Pérez Outeiriño.

Así, durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que un dos obxectivos do Goberno galego “é chegar á xente nova propoñendo e apoiando iniciativas que incentiven a creación de ámbitos nos que a lingua teña un papel destacado” como é neste caso, dixo, este traballo dirixido aos centros de ensinanza de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Formación Especial.

Nese senso, tal e como explicou a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, a convocatoria convida ao alumnado, seguindo a liña trazada polo labor docente e científico de Antonio Fraguas, a realizar proxectos orientados á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte da contorna inmediata do centro. Ademais, un capítulo ou a propia liña de traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico relacionado co tema proposto, ben sexa a toponimia, a antroponimia, o léxico ou a fraseoloxía. Así mesmo, valoraranse as accións que fomenten a educación en igualdade e o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado co Camiño de Santiago, así como a participación da comunidade escolar no seu conxunto e a implicación da poboación.

Dúas modalidades dotadas con 7.000€ cada unha

Coma en anteriores edicións, establécense dúas modalidades, unha para educación primaria e outra para secundaria. O xurado escollerá un proxecto de cada unha delas que deberá ser desenvolvido durante o seguinte curso escolar e ao que se destinará na súa totalidade a dotación do premio, 7.000€. Nesta liña, inclúese a adquisición de material escolar ou o equipamento destinado ao seu desenvolvemento, así como a elaboración dos elementos que reflictan o traballo realizado, presentados en lingua galega e no formato axeitado para a súa exposición.

A presentación pública e a exposición dos traballos resultantes terá lugar no Museo do Pobo Galego no derradeiro trimestre de 2027, “nun ano moi especial que coincide co cincuenta aniversario do Museo”, como apuntou a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Concha Losada subliñou ademais a “oportunidade que supón para o alumnado o feito de participar desta iniciativa que permite, por unha banda, achegarse de maneira activa ao coñecemento e á investigación do patrimonio cultural da súa contorna, pero tamén compartir os resultados dese traballo coa sociedade, reforzando entre as e os escolares a importancia de transmitir publicamente ese patrimonio cultural dun xeito claro, rigoroso e atractivo”.

O prazo para presentar candidaturas para a convocatoria 2026-2027 estará aberto até o 25 de maio deste ano. O xurado emitirá o seu ditame na segunda quincena do mes de xuño.

Desde a organización, agardan “con ilusión” a recepción de propostas e confían en manter a calidade das últimas convocatorias nas que, como apuntaba un dos coordinadores, Bieito Pérez Outeiriño, “se recibiron e resultaron premiados proxectos moi interesantes que destacaban polo bo traballo en equipo que había detrás tanto do profesorado como do alumnado”.

Na edición anterior resultaron galardoados os traballos Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polos CEIP Lamas de Abade e Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela, e Pérez Viondi da Estrada; e A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, presentado polo IES Monte Castelo de Burela.

Bases completas XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

Inauguración da exposición das ilustracións de Miguelanxo Prado para “Os animais de Fraguas”

Inauguración da exposición das ilustracións de Miguelanxo Prado para “Os animais de Fraguas”

 

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas inauguran no Museo do Pobo Galego unha exposición das ilustracións orixinais realizadas por Miguelanxo Prado para o libro Os animais de Fraguas. Trátase dunha mostra conmemorativa do 25 aniversario da constitución da Fundación.

O acto será o xoves, 12 de decembro, ás 19 horas, e contará coa participación do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Concha Losada; e o artista, Miguelanxo Prado.

Logo de estar exposta no Centro Cultural Antonio Fraguas Fraguas en Carballedo (Cerdedo-Cotobade), a mostra poderá verse até o 11 de xaneiro de 2025 no Museo do Pobo Galego. A idea da exposición, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, xurdiu en plena pandemia do virus SAR19. Coa xente confinada no 2020, fomos quen de ver como os animais saían e reocupaban espazos dos que foran expulsados, e grazas ao traballo de Miguelanxo Prado tamén ocuparon, na súa versión ilustrada, o seu lugar en librarías, bibliotecas e fogares.

A partir dunhas follas manuscritas inéditas de Fraguas que describían algunhas crenzas populares arredor de distintos animais, o Museo do Pobo Galego e a Fundación que leva o seu nome editaron un libro ilustrado, que enriquecía un proxecto non rematado polo autor. Kiko da Silva, ilustrador e editor especializado neste xénero, sumouse ao proxecto como editor artístico, e incorporou ao debuxante e ilustrador Miguelanxo Prado.

O resultado son 26 pequenas obras de arte que agora poderedes ver expostas na Ala Sur do Museo até o 11 de xaneiro de 2025, de martes a sábados, de 16:00 a 20:00 horas (agás o 6 e o 24 de decembro, cando abrirá de 11 a 14 h).

Mais información +