Proxecto didactico


AVISO DO APRAZAMENTO DA XII EDICIÓN DO PROXECTO DIDÁCTICO ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS.

O Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, reunido o Padroado de forma virtual, en aplicación do RD 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, considera que na situación actual non resulta posible levar adiante a presente edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, xa que os centros escolares non poden afrontar o traballo necesario para presentar as súas propostas.

Por este motivo aprobaron adiar a súa celebración da XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fragua prevista para o bienio 2020-2021, que pasará a celebrarse no bienio 2021-2022. A convocatoria será realizada, de ser posible, no mes de febreiro de 2021, e publicidada polas canles habituales.

O que comunicamos para o coñecemento dos centros interesados, lamentando as molestias que puideran causarlles.
 Agardamos que no momento actual se atopen todos ben de saúde, e convidámolos a participar cando se convoque no vindeiro ano.
Para calquera consulta ou aclaración dirixirse a proxecto@fundacionfraguas.gal
Cos nosos mellores cumprimento, 

Fco. Javier Sanjiao Otero
Secretario da Fundación


O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.

Dende o ano 2004, a Fundación ven desenvolvendo o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, en colaboración co Museo do Pobo Galego, grazas ao patrocinio das desaparecidas caixas de aforro galegas nas primeiras seis edicións, e a patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia nas seguintes edicións.

No ano actual está en marcha a 11ª edición, organizado polo Museo do Pobo Galego, conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está recoñecido pola Consellería de  Educación, Universidade e Formación Profesional como proxecto de innovación educativa.

 

Obxectivos

En lembranza do labor docente e científico de don Antonio Fraguas, exercido durante décadas e a través de varias xeracións, e seguindo na liña por el trazada, a Fundación que leva o seu nome pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.

Con este efecto, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca cada dous anos o Proxecto Didáctido Antonio Fraguas Fraguas encamiñado á realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico entre os centros escolares de Galicia.

Modalidades

Establécense dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. En cada unha delas elíxese un proxecto, para desenvolver durante o seguinte ano lectivo. Os proxectos premiados son obxecto dunha exposición que se mostra no Museo do Pobo Galego.

O ámbito temático abranguerá un ou varios destes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte do contorno inmediato do centro. Un capítulo ou alínea do traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía…) relacionado co tema proposto. Valoranse as accións que fomenten a educación en igualdade.

A exposición dos traballos premiados no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas foi presentada en moitos casos noutras cidades, e deron lugar a distintas publicacións coeditadas pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas.

 

Traballos premiados no Proxecto Didáctico

1ª CONVOCATORIA

  • O Mar, Colexio Público de Ensino primario de Xuño, Porto do Son
  • Obradoiro “Antonio Fraguas” de Cultura popular, Historia local e Medio ambiente, CPI ALFONSO VII, Caldas de Reis

2ª CONVOCATORIA

  • Os Hórreos do Concello de Ribeira de Piquín, CEIP ANÍBAL OTERO, Ribeira de Piquín
  • Muíños de Auga no Concello de Foz, IES, Foz

3ª CONVOCATORIA

  • A toponimia do Val Miñor, CEP A CRUZ DE CAMOS, Nigrán
  • O Patrimonio das Pesqueiras do Miño, IES PEDRA DA AUGA, Ponteareas e IES PAZO DA MERCÉ, As Neves

4ª CONVOCATORIA

  • Educaldea, CEP ANTONIO BREA SEGADE, Taragoña, Rianxo
  • O Patrimonio, un recurso endóxeno ameazado e esquecido, IES, Pontecaldelas

5ª CONVOCATORIA

  • As embarcacións tradicionais da comarca de Ferrol, IES CONCEPCIÓN ARENAL, Ferrol
  • As fábricas da luz de Rechinol, Portodís e Portochao como exemplo de descoñecemento do noso patrimonio cultural, IES, Melide

6ª CONVOCATORIA

  • As adiviñas na fala viva, CEIP A CRISTINA, Carballo
  • Ceibes no monte, IES TERRA DE TURONIO, Gondomar

 7ª CONVOCATORIA

  • A imaxinación no peto, CEIP GÁNDARA, Sofán, Carballo
  • A evolución da agricultura e a súa incidencia no patrimonio inmaterial do Concello de Trazo, CPI VIAÑO PEQUENO, Trazo.

8ª CONVOCATORIA

  • Fortes da Guerra de Restauración en Vila Nova da Cerveira e Tomiño, patrimonio inmaterial. CEIP PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ, Goián
  • Outear. IES POETA AÑÓN, Outes.

9ª CONVOCATORIA

  • Pasado e presente da nosa parroquia, CEIP O POMBAL, Vigo.
  • A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, IES PINTOR COLMEIRO, Silleda.

10ª CONVOCATORIA

  • Vedr@ medra, unha aposta polo patrimonio inmaterial como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego, CPI Plurilingüe, Vedra.
  • Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá, IES A PINGUELA, Monforte de Lemos

11ª CONVOCATORIA

  • Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade, CEIP Ana María Diéguez, Asados, Rianxo.
  • Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, CPR María Inmaculada, Silleda.