OS ANIMAIS DE MIGUELANXO PRADO (PARA ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS)

OS ANIMAIS DE MIGUELANXO PRADO (PARA ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS)

A exposición que podedes visitar grazas á colaboración do Concello de Cerdedo‐Cotobade, membro do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, xurdeu en plena pandemia, cando estabamos confinados cada quen coa súa unidade familiar para conter o virus SAR19.
Despois de inzarmos Galicia de numerosas actividades homenaxeando a figura e aobra de Antonio de Insuela no 2019, no que foi homenaxeado no Día das Letras Galegas, as restricións sanitarias do seguinte ano cortaron o plan de traballo aprobadona Fundación Antonio Fraguas Fraguas.
Coa xente confinada no 2020, fumos quen de ver como os animais saían e reocupaban espazos dos que foran expulsados, e grazas ao traballo de Miguelanxo Prado tamén ocuparon, na súa versión ilustrada, o seu lugar en librarías, bibliotecas e fogares.
Catalogando o arquivo de Antonio Fraguas, depositado e custodiado xunto coa súa biblioteca no Museo do Pobo Galego, a patroa do Museo, Rosa Méndez García, atopou un conxunto de follas manuscritas inéditas que describían algunhas crenzas populares arredor de distintos animais. O Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas acordaron publicalas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Dende o comezo visualizamos a edición como un libro ilustrado, que enriquecese un proxecto non rematado polo autor. Tivemos a sorte de que Kiko da Silva, gran ilustrador e editor especializado neste xénero, se sumase ao proxecto como editor artístico, e mesmo foi quen deu nome a un proxecto que carecía de título.
Alén do mérito do seu traballo, foi quen de incorporar a Miguelanxo Prado, debuxante e ilustrador de prestixio, recoñecido con numerosos galardóns pola súa obra. Cos seus deseños estableceu un diálogo entre a ilustración e a o texto de Antonio Fraguas.
Os deseños que hoxe podedes ver nesta exposición son proba da seu bo facer, e do cariño co que acolleu o noso proxecto, agasallándonos con 26 pequenas obras de arte.
Aproveitade esta oportunidade para ver e rever os animais de Miguelanxo, axudádenos a dar a coñecer esta exposición entre as vosas amizades e, se queredes levar os animais á vosa casa, comprade o libro “Os animais de Fraguas” na vosa libraría de confianza. Ou se o preferides, visitade en Compostela o Museo do Pobo Galego, onde tras percorrer as súas salas poderedes adquirir un exemplar á saída.
Fuco Sanjiao Otero
Secretario da Fundación Antonio Fraguas Fraguas
Cerdedo‐Cotobade, xaneiro de 2024