Centros escolares de Santiago, A Estrada e Burela, gañadores da XIII edición do premio Antonio Fraguas Fraguas
O proxecto Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polo CEIP Lamas de Abade, o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela) e o CEIP Pérez Viondi (A Estrada) na categoría de ensino primario, e o proxecto A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, do IES Monte Castelo (Burela) na categoría de ensino secundario, son os gañadores na XIII edición dos premios Antonio Fraguas Fraguas.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido desde 2004 pola fundación homónima e patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende poñer en valor as pescudas sobre o patrimonio etnográfico,antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico desenvolvidas no marco dos centros de ensino galegos.
No caso do proxecto Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, o xurado valorou a incorporación de todos os centros escolares dos distintos niveis educativos da contorna e o traballo desenvolvido durante máis dunha década na representación das distintas manifestacións etnográficas e culturais do Entroido, así como a presenza das mulleres en actividades nas que até agora estaban infrarrepresentadas, como os altos, vivas e atranques.
Na modalidade de ensino secundario, o proxecto A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, do IES Monte Castelo, foi elixido gañador tamén por unanimidade. O xurado destacou del o feito de que afonde nunha actividade e nun oficio hoxe desaparecidos, coa importancia que supón á hora de conservar a súa memoria para o coñecemento das novas xeracións. Así mesmo, valorou a implicación social do proxecto na súa contorna e a colaboración con entidades doutros territorios de Europa onde tamén se desenvolveu esta actividade.
O premio Antonio Fraguas Fraguas está dotado en cadansúa modalidade con 7.000 euros destinados á materialización dos proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2024-2025. Os traballos resultantes serán expostos no Museo do Pobo Galego no derradeiro trimestre de 2025