Exposición XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Exposición XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Dende o 4 de novembro e ata comezos de xaneiro, o claustro alto do Museo acolle a exposición dos traballos premiados na XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Un proxecto que procura lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director deste Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.

Os proxectos gañadores desta edición son Ecoparloteo, froitos da terra, do CEIP Plurilíngüe da Ramallosa (Teo), na modalidade de ensino primario; e o proxecto Ao son da oralidade. O noso patrimonio. Da pedra á palabra. Da prehistoria ao século XXI, presentado conxuntamente polo IES do Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), na modalidade de ensino secundario.

O proxecto desenvolvido polo colexio teense da Ramallosa, Ecoparloteo, froitos da terra, amosa unha mestura de elementos do noso patrimonio material e inmaterial, como os Entroidos de Galicia, o patrimonio oral, a toponimia, o proxecto “Cóntame un conto” impulsado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas ou a radio escolar.

 

Pola súa banda, o traballo da comunidade escolar dos institutos do Milladoiro e de Vila de Cruces xira arredor de tres eixos temáticos do patrimonio material e inmaterial: os petróglifos, a toponimia e a improvisación oral en verso. Na exposición pódese interatuar -a través de códigos QR, xogos interactivos, fontes audiovisuais e outras adaptacións ás novas tecnoloxías- con contidos como os petróglifos, a toponimia, a relación da música tradicional coa contemporánea, a regueifa, a oralidade no entroido do Ulla ou unha mostra do Proxecto Regueifesta, impulsor da improvisación oral en verso desde os dous centros recoñecidos co Premio Antonio Fraguas.

 

 

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e está integrado no Plan Proxecta+ para fomentar a innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formacion Profesional e Universidades.

O traxe galego nas Festas do Apóstolo: na lembranza de Antonio Fraguas

O traxe galego nas Festas do Apóstolo: na lembranza de Antonio Fraguas

O traxe galego nas Festas do Apóstolo: na lembranza de Antonio Fraguas

A vestimenta galega con todos os seus complementos, xoias, calzados, sombreiros, etc. teñen a día de hoxe unha actualización en deseño, en tecidos e en usos unha garantía da súa pervivencia e futuro, sempre bebendo da historia e do bon facer de séculos pasados amosando así que este patrimonio tan rico e variado da cultura galega está máis vivo que nunca. Este artesanado tan ricaz está ben visíbel nas numerosas mostras, publicacións, puntos de venda e circulación polas redes o que faría imposible recoller nun listado a cantidade inxente de mulleres e homes que hoxe teñen como proxecto de vida e económico a vestimenta galega e todos os seus adobíos; vestimenta que é moda e tendencia, e que está presente en todo o mundo, sendo unha partida na economía de Galiza non menor. Por iso Antonio Fraguas de poder ver todo este mundo do traxe no ano 2022 na Galiza, coa súa retranca e o seu humor, diría: “Mira ti como estes rapaces e rapazas danlle tanto xeito e galanura á súa vestimenta co seu camiñar ou coa súa baila”.

Os zocos de Elena Ferro, os mantelos, os panos e as chambras de Lumecú, as xoias de Susi Gesto son unha mostra pequena, máis suficiente, para retomando o que Antonio Fraguas escribiu no seu libro El Traje Gallego:“ Mais a moda transfórmase nun curto período de tempo; unha cor e un modelo usado por xentes distinguidas rapidamente se adapta por todo tipo de persoas e reflicte o modelo do chamado despois traxe popular […] Asemade a presentación nunha festa ou cerimonia pode darlle o triunfo a un modelo de vestimenta”, mostrar a riqueza enorme desta industria artesán. A. Fraguas sabía moi ben o que era moda, a súa evolución e o seu éxito. Compre pois sinalar que a vestimenta galega e os seus complementos son hoxe tendencia co cal compre desexarlle unha longa vida á moda artesanal de Galiza e ás persoas que fan dela o seu proxecto artístico e económico.

 

 

 

Encarna Otero Cepeda
Fundación Antonio Fraguas