Santiago de Compostela: a Universidade e o Seminario de Estudos Galegos
No mes de setembro de 1924 viaxa por primeira vez en tren a Compostela, matricúlase na Universidad Literaria de Santiago, como se denominaba oficialmente daquela, e comeza Filosofía e Letras. Conclúe no mes de xuño de 1928 cunha notas extraordinarias, en particular no último curso, todos sobresalientes con matrícula de honra. Ao pouco de chegar vai algunha vez ao Seminario de Estudos Galegos (SEG), que se constituíra o ano anterior, se cadra por consello dalgún dos profesores de Pontevedra, pero só asiste a unha xuntanza na Facultade de Dereito, por non coñecer a ninguén (FRAGUAS, 1968:344; GARCÍA MARTÍNEZ, 2006:199). Vai ser no curso seguinte, ao vir como alumno oficial o amigo Sebastián González García-Paz, cando empecen a frecuentar a institución por consello de Losada Diéguez, trabando en adiante amizada con Otero Pedrayo, Risco, López Cuevillas, Filgueira Valverde, Bouza-Brey, Xaquín e Xurxo Lorenzo, etc.
No mes de outubro de 1927 é proposto para socio activo do SEG; toma parte na IV Xuntanza do mesmo que se celebra en Pontevedra entre o 7 e o 9 de abril de 1928, e incorporase ao mesmo o seguinte día 5 de novembro, logo de participar na xeira da Terra de Deza, en particular na catalogación dos xacementos castrexos baixo a dirección de F. López Cuevillas, polo que o seu traballo de ingreso versou sobre o estudo dun deles, o de Soutolongo (Lalín). Na mesma época, tamén dirixido por Cuevillas e coa colaboración de María Pura Lorenzana, estudan varias mámoas do Saviñao (Lugo), coa axuda económica da Junta de Ampliación de Estudios e de Xan de Forcados (pseudónimo do doutor lucense Xoán López Suárez), publica o resultado en 1930: “Mámoas do Saviñao: a Anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá”.
Toma parte nas campañas que se desenvolven en Melide durante o verán de 1929, encargándose xunto con outros membros da catalogación dos castros, sempre dirixidos por López Cuevillas. En total rexistraron 39 xacementos, dos que consta que el participou en 21, como se pode ver no libro Terra de Melide, que saíu catro anos máis tarde.
Nesta época, o 15 de maio de 1930, publica o primeiro artigo relacionado co seu concello natal: “O Entroido nas terras do sul de Cotobade”, e o ano seguinte “Do folk-lore de Armeses-Listanco”, sobre a parroquia ourensán onde naceu a nai. Antes unicamente dera ao prelo dous artigos curtos: o primeiro do que hai novas, o 8 de outubro de 1927 no xornal vigués El Pueblo Gallego, “Compostela al día. Un artista olvidado: Uxío Souto”, sobre o escultor natural de Cuntis e autor da popular Druidesa; e o segundo, en galego, o un de xuño de 1929, “Unha serán na catedral” (A Nosa Terra, núm. 261).
O 8 de outubro de 1932 é elixido secretario de actas do SEG e encargado da sección de bibliografía, ao tempo que participa con Sebastián González García-Paz na clasificación das bibliotecas universitarias “Arcebispo Lago González” e “América” dirixidos por José María de Bustamante. En 1934 volve participar na xeira da Terra de Deza, pero agora como integrante da sección de Xeografía que dirixe R. Otero Pedrayo.
Ademais imparte clases como profesor axudante na Facultade de Filosofía e Letras, cargo que desempeñará dende que se licenza ata a xubilación, o 28 de decembro de 1975, agás o tempo que foi profesor na Estrada (1933-1936), os da Guerra Civil (1936-1942), e os que botou no Instituto de Lugo (1950-1959).
O SEG foi determinante na súa formación intelectual e galeguista, pola relación e convivencia cos membros da xeración Nós (Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas…) e da xeración do SEG (Filgueira Valverde, Bouza-Brey, Carballo Calero, Xaquín Loreno…), da que el tamén forma parte.
Bibliografía:
FRAGUAS FRAGUAS, A. (1968): “Sebastián González García-Paz. Notas da súa vida e do seu tempo”, Grial, 21, Vigo.
GARCÍA MARTÍNEZ, C. (2006): “Na rodeira do Seminario de Estudos Galegos”, en GARCÍA MARTÍNEZ, C. / FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª. X. /GONZÁLEZ REBOREDO, X. M.: Antonio Fraguas Fraguas, 1905 – 1999. Ofrenda no seu centenario, Museo do Pobo Galego – Fundación Antonio Fraguas Fraguas – Xunta de Galicia, Santiago.