Antonio Fraguas Vázquez veu ao mundo o 28 de decembro de 1905 nunha casa situada na aldea de Insuela, que describe así antes das reformas que faría o pai poucos anos despois ao volver de Brasil: A casa onde eu nacín daba ó camiño, chamado Camiño Real, cunha entrada para un curral con portal de ferro, entrada do carro, do gando e da xente. Unha escaleira subía a un patín e á entrada á parte alta da casa. Preto da escaleira estaba a porta da cociña á que se pasaba pola corte da vaca do leite, o cortello das crías, a pía dos porcos e o cortello dos porcos pequenos. O paso para a cociña era de pedra e máis alto que a corte, era ancho e con tres escaleiras cun cancelo de madeira para subir á cociña () Unha porta daba a un pequeno salón comedor, cunha mesa con dúas gabetas, unha arca con roupa, seis  cadeiras, un butacón, un banco de respaldo, un banco sen respaldo na habitación de dúas camas, unha de ferro alta e outra de madeira, unha cómoda bastante grande, un caixote pequeno para o calzado. Unha alcoba cunha rinconeira, cama de madeira e unha cadeira. Aquí nacín eu á unha da mañá do ano 1905, día vinteoito de Nadal, festividade dos Santos Inocentes… (FRAGUAS, 1999:622).

O templo parroquial e o núcleo urbano máis importante de Loureiro queda a pouco máis de medio quilómetro. O primeiro é un edificio elegante de boa construción, como a maioría dos da contorna, testemuño do excelente labor dos canteiros da comarca. En conxunto trátase dunha obra barroca da escola compostelá, co interior de planta de cruz latina dunha soa nave e tres capelas. Don Antonio facía fincapé, malia que sexa de pequenas proporcións, na imaxe de granito de Santiago peregrino que está na fornela da fachada, con chapeu de á grande adornado cunha vieira, o libro aberto na man esquerda e na dereita estaría o bordón que tivo noutros tempos. Sábese que o escultor recibiu por ela o 20 de outubro de 1694 corenta e tres reais (FRAGUAS, 1960: 345 ss).

Cando el naceu xa estaban no adro (daquela tamén cemiterio) un bo cruceiro e a campa de Florentina, a rapaza que morreu de amor na feligresía de Loureiro o ano de 1857, como consta na dedicatoria que puxo Castelao no segundo libro de Cousas (1929). O ilustre artista rianxeiro soubo da historia desta malfadada moza por D. Antonio:

De la prenda tan querida

yacen aquí los despojos

y no se contienen los ojos

de llorar a Florentina García

joven desconsolada

que a los 23 años de edad

pasó a la eternidad

Diciembre día primero

de vida fue el postrero

para esta joya mal lograda

1857.

Un dos canteiros que procurou traballo fóra de Loureiro foi o seu avó materno, Miguel Fraguas García, que percorreu moitas terras ata que cando traballaba en Armeses, nas terras masidás de Ourense, casou en 1873 cunha moza da aldea de Listanco, María Carmen Vázquez Gómez (GONZÁLEZ PÉREZ, 2006: 29). Unha filla, María Teresa, veu de nena para Loureiro a coidar duns tíos que non tiñan descendencia, e foi aquí onde coñeceu a outro canteiro, Manuel Fraguas Rodríguez, co que ía casar, pero non puideron por impedimentos burocráticos do crego, chegándolle a el antes de facelo a pasaxe para marchar a Brasil. Ao pouco de se ir naceu un neno que, como fillo natural, levaría só os apelidos da nai: Antonio Fraguas Vázquez.

D. Antonio nunca se esqueceu da herdanza ourensá: das visitas que facía de neno coa nai aos avós e familiares, e da cultura popular da aldea materna, á que dedicou unha das primeiras publicacións: “Do folk-lore de Armeses – Listanco” (Nós, 96, 1931).

A nai criouno coa axuda de mamá Antonia (Antonia Pérez Estraviz), unha señora que viñera de criada cando aínda vivía o tío avó e que morreu na casa. Tanto a quería que sempre a considerou, non como unha avoa, senón como unha nai máis, da que aínda dicía na última época da vida, cando xa cumprira 88 anos, que rodeou a miña infancia con cariño maternal e con ilustracións de contos, de lendas, refráns e cantigas (FRAGUAS, 1993).

O 7 de agosto de 1912 pasou a apelidarse Fraguas Fraguas, ao casar a nai co pai que volvera de Brasil pouco antes. Estivera en Niterói, no estado de Rio de Janeiro, traballando na construción das vías do ferrocarril, e a súa ilusión era que algún día o fillo chegase a ser condutor das locomotoras que andaban polas obras que el fixera.

O neno aprende a ler e a escribir na escola pública da parroquia, na aldea da Costa, da que non gardaba bos recordos, en particular do mestre, e iso que estaba casado cunha irmá do pai: A escola require un tratamento especial… Todos os días ou a maior parte deles sen razón de ningunha clase, porque estabamos todos lendo e a todos mallaba coa regra e dicíndolle ó primeiro: “Estamos amasando”, en voz moi alta e ía repartindo regrazos a todos e ningún merecía castigo, tiñamos os brazos e as pernas con negróns que sempre dixemos que eran caídas. A unha hora determinada dicía Aritmética práctica. Durante catro anos non faciamos máis que números: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 0. Iamos mostrarlle a pizarra cos números e dicía: “Otros máis bien hechos”. Outras dicía: “Son unos mamarrachos”. Así perdiamos o tempo… (FRAGUAS, 1999: 625).

Tamén estivo algún tempo na escola particular que impartía o crego da parroquia, da que o expulsou por falta de atención.

Entre as anécdotas desta época, sempre contaba como grazas a mama Antonia nunca se esqueceu do “d”, e iso que era analfabeta: un día, como a min non me entraba o d, díxome: Acórdate polo dedo, home! Ditoso día, non me esqueceu máis o d (GONZÁLEZ REBOREDO, 1997:3).

 

Bibliografía:

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1960): “Apuntes sobre la Iglesia de Santiago de Loureiro”, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense, XX, Ourense.

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1993): O conto de Serafín. O santuario da Franqueira, Colección “Contos do Castromil”, [Santiago].

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1999): “O lugar e a casa onde nacín”, Grial, 144, Vigo.

GONZÁLEZ PÉREZ, C. (2006): “Antonio Fraguas Fraguas. Vida e obra, 1905-1999)”, en GARCÍA MARTÍNEZ, C. / FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª. X. /GONZÁLEZ REBOREDO, X. M.: Antonio Fraguas Fraguas, 1905 – 1999. Ofrenda no seu centenario, Museo do Pobo Galego – Fundación Antonio Fraguas Fraguas – Xunta de Galicia, Santiago.

 GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. (1997): “Notas dunha conversa con Antonio Fraguas”, Revista Galega do Ensino, 17, novembro, Santiago de Compostela.