De novo en Santiago de Compostela: o Museo do Pobo Galego
Regresa a Compostela en 1959 como profesor de Xeografía e Historia do Instituto feminino “Rosalía de Castro”, malia que nunca se foi de todo, xa que sempre mantivo aquí casa aberta.
Ademais volve impartir clases como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras, ao tempo que colabora no Instituto “Padre Sarmiento de Estudios Gallegos”, na Sociedad Económica de Amigos del País, no Museo Municipal (do que é nomeado director o 20 de marzo de 1973), etc., así como na fundación da Academia Galega de Ciencias (1973), sen por iso deixar de publicar traballos de investigación, artigos xornalísticos e algún libro, como La Galicia Insólita. Tradiciones gallegas e Lugo (ambos os dous en 1974).
O seu labor como docente rematou o 28 de decembro de 1975, pero aínda lle quedaban case dúas décadas moi fecundas para dedicarse por enteiro a investigar, a tomar parte en eventos culturais, a impartir conferencias e a participar en coloquios, e tamén a facer realidade vellos devezos que agochaba dende os anos mozos do SEG. Por sorte, a saúde permitiulle traballar no que lle gustaba ata poucos días antes do pasamento (o derradeiro artigo saíu cinco días antes).
Dende os tempos do SEG e logo durante a estadía de profesor na Estrada, a súa grande arela era crear un museo e, máis aínda, que fose de toda Galicia. Fracasaron os dous primeiros por mor da sublevación fascista do 18 de xullo, pero, malia á idade, nunca perdeu a esperanza de que a había de ver cumprida antes do pasamento. Por iso acolleu con afervoamento a creación do museo de Antropoloxía de Galicia que promoven Carlos García Martínez, Justo Beramenti e Manuel Gallego Jorreto. O 24 de xaneiro de 1976 asistiu á primeira xuntanza no Hostal dos Reis Católicos; o 31 de xullo xa se constituíu o Padroado do que se denominaría Museo do Pobo Galego (MPG), e do que é nomeado director e vicepresidente primeiro do seu Padroado, e, por fin, o 29 de outubro do ano seguinte tivo lugar o acto de inauguración das primeiras salas coa asistencia do Ministro de Cultura y Bienestar, Pío Cabanillas Gallas.
Nos anos sucesivos foi a angueira na que puxo toda a ilusión, ata o 18 de decembro de 1989 en que abandona a dirección e se fai cargo da presidencia do Padroado polo pasamento do “irmán” Xaquín Lorenzo, unha entrañable amizade que viña de antigo, de cando estudaban en Compostela, pois xa en 1931 lle fixera as ilustracións do seu traballo sobre a terra da nai, “Do folk-lore de Armeses – Listanco”.
Como nas casas de case todos os labregos, na súa natal tampouco había ningún libro cando naceu, e nos últimos anos da súa vida xuntara máis de 13.000 exemplares, entre libros, folletos e revistas, que legou ao MPG o 17 de decembro de 1994, así como tamén o fondo documental persoal. Ao acto asistiron as máximas autoridades: o presidente da Xunta, o do Parlamento de Galicia, o alcalde de Santiago, etc.
O 29 de maio de 1999 a asemblea do Padroado do MPG aprobou a creación da Fundación “Antonio Fraguas Fraguas”, que será a encargada en adiante de conservar e dinamizar o seu legado cultural, manter viva a súa memoria e recoller e promover o estudo da nosa Cultura Popular, tal como el fixo. Entre as súas actividades sobresae o Proxecto Didáctico “Antonio Fraguas”, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que participa o alumnado de Ensino Primario e Secundario con traballos de investigación sobre o patrimonio lingüístico e cultural.
O 8 de xullo de 1983 creouse o Consello da Cultura Galega, do que foi nomeado membro a título individual, encargándose dende 1991 e ata o pasamento da sección de Antropoloxía Cultural. Durante estes anos o seu labor, malia aos achaques propios da idade, tamén é a ter en conta: organizou varios simposios e publicáronse as actas do mesmos e varios libros. No mes de outubro de 1995 os membros da sección acordaron organizar un simposio internacional na súa honra, sobre a medicina popular e a saúde, un tema do que tiña tratado varias veces.
Durante estes anos foi cando deu ao prelo máis publicacións, algunhas xa en proceso de recompilación e redacción dende moito antes, como Murguía. O patriarca (1979), El traje gallego (1985), Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), Aquilino Iglesias Alvariño. Vida e obra (1986), Romarías e santuarios (1988), Celso Emilio Ferreiro (1989), La antigua y la Nueva Galicia: Caminos del mundo (con J. R. ÁLVAREZ) (1992), A festa popular en Galicia (1995)… Colaborou en libros colectivos e revistas: ”Literatura popular en torno al casamiento, embarazo y parto” (1976), ”A xeografía no Seminario de Estudos Galegos” (1978), ”A ‘Pena Cadeira’ e dúas pedras máis” (1983), ”As almas do Purgatorio” (1986), ”Castelao e o Seminario de Estudos Galegos” (1989), ”Desde o Antroido á Pascua: vida e costumes a comenzos de século” (1993),”O lugar e a casa onde nacín”(1999)… Así como tamén na prensa: El Correo Gallego, O Correo Galego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo…
Tamén é a tempada dos recoñecementos polo constante labor ao longo de tanto tempo e sempre fiel a Galicia, como se pode ver na relación completa que se insire dos mesmos: Pedrón de Ouro, Fillo Adoptivo e Medalla de Prata ao Mérito Cultural de Santiago de Compostela, Fillo Predilecto do concello de Cotobade, Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego, Medalla Castelao, Premio Trasalba, Premio de Investigación da Xunta de Galicia, Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán e Cultural do concello de Santiago, Cronista Xeral de Galicia, Premio R. Otero Pedrayo, Diploma de Honra e Insignia de Ouro da Sociedade de Fillos e Amigos da Estrada, Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, a Deputación Provincial da Coruña crea o Certame de Artesanía “Antonio Fraguas Fraguas”, etc. Ademais déronlle o seu nome a unha rúa os concellos de Lugo, Santiago de Compostela, Melide, Pontevedra, Oleiros e Cambre.