A Guerra Civil e a posguerra: Unha miga de esperanza: o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
O 4 de novembro de 1936 o Goberno de Burgos insire no Boletín Oficial a relación dos docentes e funcionarios represaliados, entre os que figura el con suspensión de emprego e soldo e separación do ensino público, así como tamén Álvaro das Casas, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Alfonso Rodríguez Castelao e Xesús Ferro Couselo, entre outros (“Personal suspendido…”, 1936). O 9 de febreiro de 1937, ábrelle expediente o gobernador civil e presidente da “Comisión de Depuración de Enseñanza” de Pontevedra, ao tempo que se lle comunica que dispón de dez días para responder ao mesmo, que xa o fai o 17, e tres días despois emite o veredicto a Comisión: esta Presidencia ha acordado: La separación definitiva del servicio de Don Antonio Fraguas Fraguas… (“Funcionarios…”, 1937:5; GONZÁLEZ PÉREZ, 2006: 56).
Ante a imposibilidade de se dedicar ao ensino público empezou a dar clases particulares e logo nunha academia da que era titular un crego, Ramón Davila, a “Menéndez Pelayo”, situada na rúa da Algalia de Abaixo: Eu non podía dar clase, podía dar clase clandestinamente, a min estábame prohibido dar clase. Entonces mercouse esa academia e fomos para a Algalia de Abaixo… Tan pronto saleu o nome da Academia Menéndez Pelayo… ¡paf!… chegou un inspector de Facenda ou non sei que. Rodearon aquello. Veu cinco ou seis veces un policía a ver se eu era dono de non sei que cousa… Por fin, non sei que cousa veu polo xuzgado, e era Fermín (Bouza-Brey) o xuíz, e zanxou a cousa, e acabouse. A academia estivo alí ata que eu salín catedrático, e incluso un tempo máis (GONZÁLEZ REBOREDO, 1997:20).
A partir de 1942 permítenlle de novo impartir clases como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras, e así estivo ata que logrou superar as oposicións a catedrático de Xeografía e Historia en 1949, despois de fracasar varias veces sempre por mor dos antecedentes políticos, como lle chegou a dicir un dos membros do xurado: -Mire usted. El tribunal le tenía a usted para el número dos. El tribunal le estima y le respeta, pero la política acabó con usted… (GONZÁLEZ PÉREZ, 1998:28).
O local do Seminario de Estudos Galegos no colexio de Fonseca permanecía fechado, pero, como queda dito, arramplaran co que había de valor, ata que se comete a última barbarie o 31 de decembro de 1941, que foi trasladar de mala maneira o que quedaba da biblioteca para a Universidade: Se acarretó en el mismo día por medio de un carricoche tirado por un penco y con cestas llevadas por mujeres. Los libros iban en montones, todos mezclados y cayendo por los suelos, sin cuidado alguno. Las gentes, ante semejante espectáculo, quedaba pasmada y preguntaba de qué se trataba. Los mozos y porteros respondían: “Es la biblioteca de los galleguistas” (MATO, 2001: 330). Deste xeito consumábase a extinción dunha das institucións galegas máis exemplares do século XX, promovida e sostida non máis que por un grupo de intelectuais comprometidos coa nosa cultura, con Galicia.
Cando xa se daba todo por perdido, xurdiu unha miga de esperanza ao aprobar o goberno franquista o 30 de novembro de 1943 a creación dun centro de investigación que se denominaría Instituto “Padre Sarmiento” de Estudios Gallegos, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que se presentou como sucesor do extinto SEG, pero non pasou de fillo bastardo, promovido por algúns dos membros ben relacionados co réxime ditatorial, que recibiu os restos da antiga institución, pero non o seu espírito nin tampouco as súas inquedanzas.
Constituíuse o 15 de febreiro seguinte, e quedou formado por dez seccións con outros tantos directores. Don Antonio non foi nomeado para ningunha, pero encargouse da organización do que quedaba da biblioteca que foi devolta pola Universidade. A nova sede, situada entre os colexios de Fonseca e San Xerome, non se inaugura ata o 3 de setembro de 1946, permanecendo durante este tempo nunha casa da Rúa Nova: os libros que se salvaron do Movimento, que estaban na biblioteca da Universidade –e aínda alí faltaron libros–, levámolos para un baixo da Rúa Nova. E alí comecei eu a catalogar o que había e tiña como lector investigando a D. Antonio Couceiro Freijomil, autor do Diccionario bio-bibliográfico… (FRAGUAS, 1992).
Colabora arreo na revista Cuadernos de Estudios Gallegos, organiza e foi comisario de varias exposicións, e publica dous libros que eran a súa tese de doutoramento defendida na Universidade de Madrid en 1948: Historia del Colegio de Fonseca (1956) e Los Colegiales de Fonseca (1958). Tamén desempeñou varios cargos, ademais de bibliotecario, como secretario do centro e coordinador da sección de Etnografía e Folklore (GARCÍA MARTÍNEZ, 2006: 220).
Bibliografía:
“Funcionarios sancionados” (1937), La Voz de Galicia, 25 de maio.
GARCÍA MARTÍNEZ, C. (2006): “Na rodeira do Seminario de Estudos Galegos”, en GARCÍA MARTÍNEZ, C. / FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª. X. /GONZÁLEZ REBOREDO, X. M.: Antonio Fraguas Fraguas, 1905 – 1999. Ofrenda no seu centenario, Museo do Pobo Galego – Fundación Antonio Fraguas Fraguas – Xunta de Galicia, Santiago.
GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1998): Galegos na Historia: Antonio Fraguas Fraguas: profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, galego de ben, Vigo.
GONZÁLEZ PÉREZ, C. (2006): “Antonio Fraguas Fraguas. Vida e obra, 1905-1999)”, en GARCÍA MARTÍNEZ, C. / FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª. X. /GONZÁLEZ REBOREDO, X. M.: Antonio Fraguas Fraguas, 1905 – 1999. Ofrenda no seu centenario, Museo do Pobo Galego – Fundación Antonio Fraguas Fraguas – Xunta de Galicia, Santiago.
GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. (1997): “Notas dunha conversa con Antonio Fraguas”, Revista Galega do Ensino, 17, nov., Santiago.
FRAGUAS FRAGUAS, A. (1992): “Carta ao director de Diario 16 de Galicia”, Vigo, 1 de marzo.
MATO, A. (2001): O Seminario de Estudos Galegos, Ed. do Castro, Sada (Carta de Xesús Carro a Xosé Ramón e Fernández-Oxea).
“Personal suspendido de empleo y sueldo” (1936), El Diario de Pontevedra, 10 de novembro.