O XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas
Fraguas alenta a comunidade escolar a investigar o patrimonio lingüístico e cultural
A fundación do autor convoca unha nova edición deste proxecto, en colaboración coa Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026.- A Fundación Antonio Fraguas Fraguas e a Xunta de Galicia convocan a XIV edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Unha iniciativa dirixida á comunidade escolar que propón traballar ao redor do patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico galego. Así o anunciaron hoxe na presentación a presidenta da fundación, Concha Losada; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e un dos coordinadores do proxecto, Bieito Pérez Outeiriño.
Así, durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que un dos obxectivos do Goberno galego “é chegar á xente nova propoñendo e apoiando iniciativas que incentiven a creación de ámbitos nos que a lingua teña un papel destacado” como é neste caso, dixo, este traballo dirixido aos centros de ensinanza de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Formación Especial.
Nese senso, tal e como explicou a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, a convocatoria convida ao alumnado, seguindo a liña trazada polo labor docente e científico de Antonio Fraguas, a realizar proxectos orientados á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte da contorna inmediata do centro. Ademais, un capítulo ou a propia liña de traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico relacionado co tema proposto, ben sexa a toponimia, a antroponimia, o léxico ou a fraseoloxía. Así mesmo, valoraranse as accións que fomenten a educación en igualdade e o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado co Camiño de Santiago, así como a participación da comunidade escolar no seu conxunto e a implicación da poboación.
Dúas modalidades dotadas con 7.000€ cada unha
Coma en anteriores edicións, establécense dúas modalidades, unha para educación primaria e outra para secundaria. O xurado escollerá un proxecto de cada unha delas que deberá ser desenvolvido durante o seguinte curso escolar e ao que se destinará na súa totalidade a dotación do premio, 7.000€. Nesta liña, inclúese a adquisición de material escolar ou o equipamento destinado ao seu desenvolvemento, así como a elaboración dos elementos que reflictan o traballo realizado, presentados en lingua galega e no formato axeitado para a súa exposición.
A presentación pública e a exposición dos traballos resultantes terá lugar no Museo do Pobo Galego no derradeiro trimestre de 2027, “nun ano moi especial que coincide co cincuenta aniversario do Museo”, como apuntou a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Concha Losada subliñou ademais a “oportunidade que supón para o alumnado o feito de participar desta iniciativa que permite, por unha banda, achegarse de maneira activa ao coñecemento e á investigación do patrimonio cultural da súa contorna, pero tamén compartir os resultados dese traballo coa sociedade, reforzando entre as e os escolares a importancia de transmitir publicamente ese patrimonio cultural dun xeito claro, rigoroso e atractivo”.
O prazo para presentar candidaturas para a convocatoria 2026-2027 estará aberto até o 25 de maio deste ano. O xurado emitirá o seu ditame na segunda quincena do mes de xuño.
Desde a organización, agardan “con ilusión” a recepción de propostas e confían en manter a calidade das últimas convocatorias nas que, como apuntaba un dos coordinadores, Bieito Pérez Outeiriño, “se recibiron e resultaron premiados proxectos moi interesantes que destacaban polo bo traballo en equipo que había detrás tanto do profesorado como do alumnado”.
Na edición anterior resultaron galardoados os traballos Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polos CEIP Lamas de Abade e Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela, e Pérez Viondi da Estrada; e A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, presentado polo IES Monte Castelo de Burela.

Bases completas XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas