O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas distingue unha investigación sobre a paisaxe sonora e un roteiro literario
Os centros galardoados nesta XIV edición son o CEP Xosé María Brea Segade de
Taragoña e o IES Breamo de Pontedeume
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026.- O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá a entrega dos premios da XIV edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, un certame de investigación escolar sobre o patrimonio lingüístico e cultural galego impulsado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua.
No acto participou unha representación da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, encabezada pola súa presidenta en funcións, María Xosé Fernández Cerviño; e coa presenza tamén do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; e o alcalde de Cerdedo- Cotobade e deputado provincial por Pontevedra, Jorge Cubela López; amais de varias persoas integrantes dos centros premiados.
Na modalidade de ensino primario, o proxecto gañador foi A paisaxe sonora de Taragoña e o Araño, do CEP Xosé María Brea Segade de Taragoña. O xurado valorou a súa orixinalidade, a implicación de toda a comunidade educativa e a contorna e a realización dunha actividade de promoción da lingua a partir do medio rural.
Así mesmo, o xurado fixo constar en acta unha mención especial na categoría primaria para o proxecto Tecendo nós, do CEIP Juana de Vega (San Pedro de Nos).
O proxecto seleccionado na modalidade de ensino secundario foi Historias secretas de Pontedeume. Roteiro literario pola vila dos Andrade e as Fragas do Eume do IES Breamo de Pontedeume. O xurado premiou a súa contribución á promoción da lingua entre a mocidade, así como o labor de recuperación e difusión das lendas e da literatura popular e a posta en valor das escritoras e escritores da contorna.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural galego.
Os centros gañadores desenvolverán os seus proxectos durante o curso 2026-2027, para o que contarán cunha dotación económica de 7.000 euros cada un.
Os traballos resultantes serán presentados nunha exposición no Museo do Pobo Galego no derradeiro trimestre de 2027.