Presentación do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas na súa XII Edición

Presentación do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas na súa XII Edición

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas, co apoio do Museo do Pobo Galego, e o financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentou a XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, unha iniciativa dirixida ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato que busca fomentar na comunidade escolar o estudo do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da súa contorna. Na presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Fundación e do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, o secretario da Fundación Fuco Sanjiao e o coordinador do proxecto e voceiro da Fundación, Francisco Fariña Busto.

Os grupos premiados en cada modalidade recibirán un premio de 7.000 euros, dos que os centros obterán 4.000 en metálico no momento da concesión do premio e que deberán destinarse integramente á realización do proxecto, o que pode incluír a adquisición de material ou equipamento destinado ao seu desenvolvemento. Os outros 3.000 euros entregaranse aos despois de que os traballos sexan expostos o Museo do Pobo Galego.

Os colexios e institutos candidatos realizarán os seus traballos durante o curso académico 2022-23 e poderán presentar as súas propostas ata o 20 de maio de 2022.

O xurado, composto polo presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez, e tres membros designados polas entidades colaboradoras, fará publica a súa decisión antes do 22 de xuño de 2023.

Descargar: Bases da convocatoria XII Proxecto Didáctico 2022/23