ENTREGA DE PREMIOS XII EDICIÓN PROXECTO DIDÁCTICO ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS (CONVOCATORIA 2022-2023)

ENTREGA DE PREMIOS XII EDICIÓN PROXECTO DIDÁCTICO ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS (CONVOCATORIA 2022-2023)

O 29 de xuño de 2022, ás 13 horas, a Fundación entrega os premios do XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. O acto estará presidido pola presidenta da Fundación, Concha Losada, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e pola concelleira responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón Ferreiro.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.

Nesta edición o xurado, formado por D. Clodio González Pérez, en representación da presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Dª. Encarna Otero Cepeda, en representación da Dirección do Museo do Pobo Galego, Dª. Pura Galán Boutureira, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Dª. María Manuela Leis Cambeiro, en representación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e D. Xosé Manuel González Reboredo, e actuando como secretario D. Francisco J. Sanjiao Otero, acordou por unanimidade premiar aos seguintes proxectos:

  1. Na modalidade de ensino primario foi premiado o proxecto Ecoparloteo, froitos da terra, do CEIP Plurilíngüe da Ramallosa (Teo). Destacan deste proxecto o esforzo para recuperar o patrimonio lingüístico e conseguir que a súa comunidade, cunha parte de persoas que falan en castelán, se convirtan en neofalantes en galego, así como a calidade e diversidade das actividades e soportes empregados.

  1. Na modalidade de ensino secundario, foi premiado o proxecto Ao son da oralidade. O noso patrimonio. Da pedra á palabra. Da prehistoria ao século XXI, presentado conxuntamente polo IES do Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Destacan deste proxecto a creación e desenvolvemento dun proceso innovador de participación das comunidades educativas no coñecemento, valoración e difusión do patrimonio material e inmaterial de ámbolos dous concellos, como impulsor e dinamizador social e cultural. O xurado propón que os dous centros, colaborando cos seus concellos e as distintas entidades culturais colaboradoras poñan en marcha rutas con visitas guiadas que mostren esta inmensa riqueza a residentes e visitantes.

Os membros do xurado destacaron a calidade das propostas presentadas, tanto no caso de ensino primario como no de secundario, e a súa implicación coas comunidades respectivas. Agardan que en vindeiras edicións, se manteña esta calidade, e a ser posible que se amplíe a máis centros. Parabéns a todos os centros presentados polo seu esforzo

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e está integrado no Plan Proxecta+ para fomentar a innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formacion Profesional e Universidades.