O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.
Dende o ano 2004, a Fundación ven desenvolvendo o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, en colaboración co Museo do Pobo Galego, grazas ao patrocinio das desaparecidas caixas de aforro galegas nas primeiras seis edicións, e a patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia nas seguintes edicións.
No ano actual está en marcha a 12ª edición, organizado pola Fundación Antonio Fraguas en colaboración co Museo do Pobo Galego, e está recoñecido pola Consellería de Cultura Educación e Universidade como proxecto de innovación educativa.
Obxectivos
En lembranza do labor docente e científico de don Antonio Fraguas, exercido durante décadas e a través de varias xeracións, e seguindo na liña por el trazada, a Fundación que leva o seu nome pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.
Con este efecto, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca cada dous anos o Proxecto Didáctido Antonio Fraguas Fraguas encamiñado á realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico entre os centros escolares de Galicia.
Modalidades
Establécense dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. En cada unha delas elíxese un proxecto, para desenvolver durante o seguinte ano lectivo. Os proxectos premiados son obxecto dunha exposición que se mostra no Museo do Pobo Galego.
O ámbito temático abranguerá un ou varios destes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte do contorno inmediato do centro. Un capítulo ou alínea do traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía…) relacionado co tema proposto. Valoranse as accións que fomenten a educación en igualdade.
A exposición dos traballos premiados no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas foi presentada en moitos casos noutras cidades, e deron lugar a distintas publicacións coeditadas pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas.
Traballos premiados no Proxecto Didáctico
1ª CONVOCATORIA
- O Mar, Colexio Público de Ensino primario de Xuño, Porto do Son
- Obradoiro “Antonio Fraguas” de Cultura popular, Historia local e Medio ambiente, CPI ALFONSO VII, Caldas de Reis
2ª CONVOCATORIA
- Os Hórreos do Concello de Ribeira de Piquín, CEIP ANÍBAL OTERO, Ribeira de Piquín
- Muíños de Auga no Concello de Foz, IES, Foz
3ª CONVOCATORIA
- A toponimia do Val Miñor, CEP A CRUZ DE CAMOS, Nigrán
- O Patrimonio das Pesqueiras do Miño, IES PEDRA DA AUGA, Ponteareas e IES PAZO DA MERCÉ, As Neves
4ª CONVOCATORIA
- Educaldea, CEP ANTONIO BREA SEGADE, Taragoña, Rianxo
- O Patrimonio, un recurso endóxeno ameazado e esquecido, IES, Pontecaldelas
5ª CONVOCATORIA
- As embarcacións tradicionais da comarca de Ferrol, IES CONCEPCIÓN ARENAL, Ferrol
- As fábricas da luz de Rechinol, Portodís e Portochao como exemplo de descoñecemento do noso patrimonio cultural, IES, Melide
6ª CONVOCATORIA
- As adiviñas na fala viva, CEIP A CRISTINA, Carballo
- Ceibes no monte, IES TERRA DE TURONIO, Gondomar
7ª CONVOCATORIA
- A imaxinación no peto, CEIP GÁNDARA, Sofán, Carballo
- A evolución da agricultura e a súa incidencia no patrimonio inmaterial do Concello de Trazo, CPI VIAÑO PEQUENO, Trazo.
8ª CONVOCATORIA
- Fortes da Guerra de Restauración en Vila Nova da Cerveira e Tomiño, patrimonio inmaterial. CEIP PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ, Goián
- Outear. IES POETA AÑÓN, Outes.
9ª CONVOCATORIA
- Pasado e presente da nosa parroquia, CEIP O POMBAL, Vigo.
- A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, IES PINTOR COLMEIRO, Silleda.
10ª CONVOCATORIA
- Vedr@ medra, unha aposta polo patrimonio inmaterial como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego, CPI Plurilingüe, Vedra.
- Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá, IES A PINGUELA, Monforte de Lemos
11ª CONVOCATORIA
- Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade, CEIP Ana María Diéguez, Asados, Rianxo.
- Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, CPR María Inmaculada, Silleda.