O traxe galego nas Festas do Apóstolo: na lembranza de Antonio Fraguas
O traxe galego nas Festas do Apóstolo: na lembranza de Antonio Fraguas
A vestimenta galega con todos os seus complementos, xoias, calzados, sombreiros, etc. teñen a día de hoxe unha actualización en deseño, en tecidos e en usos unha garantía da súa pervivencia e futuro, sempre bebendo da historia e do bon facer de séculos pasados amosando así que este patrimonio tan rico e variado da cultura galega está máis vivo que nunca. Este artesanado tan ricaz está ben visíbel nas numerosas mostras, publicacións, puntos de venda e circulación polas redes o que faría imposible recoller nun listado a cantidade inxente de mulleres e homes que hoxe teñen como proxecto de vida e económico a vestimenta galega e todos os seus adobíos; vestimenta que é moda e tendencia, e que está presente en todo o mundo, sendo unha partida na economía de Galiza non menor. Por iso Antonio Fraguas de poder ver todo este mundo do traxe no ano 2022 na Galiza, coa súa retranca e o seu humor, diría: “Mira ti como estes rapaces e rapazas danlle tanto xeito e galanura á súa vestimenta co seu camiñar ou coa súa baila”.
Os zocos de Elena Ferro, os mantelos, os panos e as chambras de Lumecú, as xoias de Susi Gesto son unha mostra pequena, máis suficiente, para retomando o que Antonio Fraguas escribiu no seu libro El Traje Gallego:“ Mais a moda transfórmase nun curto período de tempo; unha cor e un modelo usado por xentes distinguidas rapidamente se adapta por todo tipo de persoas e reflicte o modelo do chamado despois traxe popular […] Asemade a presentación nunha festa ou cerimonia pode darlle o triunfo a un modelo de vestimenta”, mostrar a riqueza enorme desta industria artesán. A. Fraguas sabía moi ben o que era moda, a súa evolución e o seu éxito. Compre pois sinalar que a vestimenta galega e os seus complementos son hoxe tendencia co cal compre desexarlle unha longa vida á moda artesanal de Galiza e ás persoas que fan dela o seu proxecto artístico e económico.
Encarna Otero Cepeda
Fundación Antonio Fraguas