Unha fundación para un país.

O 2 de agosto de 1999, D. Antonio Fraguas Fraguas asinaba a carta fundacional da Fundación que leva o seu nome coa finalidade única, neste caso, de dotar de canle e vertebración adecuadas o amplo e complexo legado que, por vontade expresa de D. Antonio Fraguas, debe servir para incrementar a investigación, a divulgación e a conservación dos lugares da memoria que configuran a historia e a antropoloxía de Galicia.

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas foi declarada de interese galego e cultural e está inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co nº 1999/21, e adscrita ao protectorado da Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Estatutos da Fundación Fraguas

DOGA declaración fundación interese galego 1999 – Xunta de Galicia

DOGA inscripción protectorado 1999 – Xunta de Galicia

Obxectivos.

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas quere fomentar a recollida e estudo da cultura material e espiritual de Galicia e converterse nun punto de referencia no que galegas e galegos se recoñecesen e identificasen como pobo, unha arela de todos cantos dende primeiros do século XX fixeron de Galicia o eixo do seu traballo intelectual, sobranceiramente da xeración Nós e dos creadores do Seminario de Estudos Galegos.

Por desexo expreso do seu titular, a Fundación ten como espazo e referencia singular o Museo do Pobo Galego. Creado en 1976, recolle o legado do labor de D. Antonio e doutros ilustres patróns deste Museo, e constitúe unha institución por eles querida para representar, sintetizar e edificar imaxes, sentidos e significados da tradición cultural de Galicia.

O nacemento e desenvolvemento do Museo do Pobo Galego enfíase na laboría de homes que coma D. Ramón Otero Pedrayo, D. Xaquín Lorenzo Fernández, D. Xosé Filgueira Valverde, D. Xesús Taboada Chivite, D. Ramón Martínez López, D. Antonio Rodríguez Fraiz, D. Ramón Piñeiro López, D. Luciano García Alén, D. Carlos García Martínez, ou D. Antonio Fraguas Fraguas, dedicaron a súa vida ao estudo e defensa de Galicia. Co paso do tempo converteuse nunha institución que  representa e simboliza a idea dun museo nacional galego á que se incorporaron novas institucións e persoas de diferentes posicións ideolóxicas ás que unía o seu compromiso con Galicia,

Despois da súa morte, a Fundación incorpora nos seus obxectivos a defensa, conservación, promoción e divulgación do legado material e intelectual de D. Antonio Fraguas Fraguas.

O impulso do coñecemento, difusión e desenvolvemento dos trazos e contidos da cultura galega, xustifica e ampara a creación dunha entidade cultural que proxecta, conserva e dinamiza o patrimonio que D. Antonio Fraguas Fraguas e toda a xeración por el representada, crearon e rescataron para a conservación futura da memoria de Galicia.

Liñas de actuación.

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas, dende a súa fundación, desenvolve tarefas en apoio do Museo do Pobo Galego que permitiron o financiamento de publicacións, a sala A sociedade: memoria e tradición, o ascensor, ou as exposicións que recollen os proxectos premiados no Proxecto Didáctico.

Entre as súas liñas de actuación destaca o mantemento dende 2004 do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que pretende rememorar a figura de D. Antonio como mestre, pedagogo, etnógrafo e historiador da cultura galega.

 

Composición do Padroado da Fundación.

O Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas está composto polos seguintes membros:

  • Presidente de Honra, D. Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia
  • Presidenta, Dª. Concepción Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego
  • Vicepresidente primeiro, D. Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cargo que detenta por delegación expresa o secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez.
  • Vicepresidente segundo, Dª. Goretti SanMartín Rei, alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, cargo que detenta por delegación expresa do titular a concelleira de Capital Cultural, ,Turismo, Educación e Memoria Histórica, Dª. Miriam Louzao Fernández
  • Vicepresidenta terceira, Dª. María Xosé Fernández Cerviño, vicepresidenta 1ª do Padroado do Museo do Pobo Galego,
  • Vogal 1º: D. Manuel Vilar Fernández, director do Museo do Pobo Galego
  • Vogal 2º: D. Xerardo Estévez Fernández
  • Vogal 3ª: Dª. Encarna Otero Cepeda
  • Vogal 4º: D. Xosé Antonio Gómez Segade
  • Vogal 5º: D. Francisco Fariña Busto
  • Vogal 6º: D. Xosé Manuel González Reboredo
  • Vogal 7º: D. Carolina Martínez Paz
  • Vogal 8º: D. Clodio González Pérez
  • Vogal 9º: D. Jorge Cubela López, alcalde en representación do Concello de Cerdedo-Cotobade.
  • Vogal 10º. D. Lino Lema Bouzas, quen asume por delegación do Padroado labores de xestión económica da Fundación.
  • Secretario, D. Fco. Javier Sanjiao Otero, secretario do Padroado do Museo do Pobo Galego.