Pontevedra: o Bacharelato e a Sociedade da Lingua

A finais de 1917 a familia acordou marchar para Brasil, que era para onde máis ían os desta zona. Pero como faltaban aínda varios meses e Don Antonio falaba moi ben dun mestre que daba clases particulares na aldea de Famelga (situada a menos dun quilómetro da súa casa, pero xa na parroquia de Augasantas), que estivera antes na escola que creara en Covelo (A Lama) o “conde de Covelo”, -que non posuía tal título nobiliario pero que foi un gran benfeitor-, os pais decidiron que aproveitase o tempo que quedaba indo á devandita escola:

Cando dixen adeus á escola, meu pai comezou a preparación da viaxe para o Brasil que sería no mes de xuño… Un dos mestres de Covelo tivo que deixar aquel colexio e veu poñer un colexio a Famelga, nun edificio onde houbera outra antiga escola. Moi axiña tivo moitos rapaces e veu o mestre, don Antonio, á misa a Loureiro. Era un home moi falador e ó tocar a campá explicou en que consistía o son e o eco… A lección do luns era longa, era unha lección difícil e foime fácil aprendela moi ben. Comeza o número un e díxoa moi ben; o segundo fallou, tamén o tres e chegou ó meu número, dixen moi ben a primeira e tamén a segunda, cando comecei a terceira don Antonio veu para xunto de min e con certo movemento de corpo díxena toda con admiración de todos, pasei ó segundo posto que xa non perdín… Cando remataba o mes de marzo, eu tiña que rematar a miña tanda e don Antonio deume esta orde:

-Dile a tu padre que venga a hablar conmigo.

Cheguei á casa e transmitín a orde…

Non durmiu [o pai] toda a noite. Ergueuse moi cedo e foi a Famelga. Saíu don Antonio e díxolle:

Señor Fraguas, no marche usted con el niño, dele una carrerita que vale para estudiar.

Meu pai díxolle:

-Non podemos, non temos medios económicos.

Si que pueden, con muy poca cosa le dan una carrerita. Ahora no puede entrar en la Normal pero va al Instituto y le conmutan las asignaturas… (FRAGUAS, 1999:628).

A capela e o campo da feira de Famelga, onde estaba a escola (Foto: Clodio González Pérez)

O matrimonio seguiu o consello do mestre (quen máis empeño puxo en quedar foi a nai), e no mes de xuño de 1918 aproba o ingreso e empeza o Bacharelato no Instituto General y Técnico de Pontevedra, que remata en 1924, durante o que  tivo por profesores, entre outros, a Antón Losada Diéguez, Ramón Sobrino Buhigas e Castelao (era auxiliar de debuxo dende o 5 de xullo de 1916, e en cuarto e quinto curso deulle sobresaliente con matrícula de honra). O seu expediente e notas consérvase no arquivo do IES Sánchez Cantón.

Moitos anos despois, cando xa rematara Filosofía e Letras, ese mesmo mestre convidouno a dar unha lección práctica no castro de Famelga: Fai máis de medio século había unha escola instalada nunha casa situada no campo da feira e o mestre, Don Antonio Vidal Proenza, quixo facer unha leución práctica no castro e levoume de director da curta excursión. Explicado o valor do antigo poboado fixemos unha cala e apareceu cerámica mui pobre e dous pedazos de muíño de lavadoiro, que levou pra escola como material de ensino (FRAGUAS, 1988).

No instituto era coñecido por “Antonio, o da aldea”, polos poucos nenos do rural que daquela chegaban a cursar o Bacharelato e tamén porque non dominaba ben o castelán. Varias veces falou desta tempada da súa vida, que lembraba con agarimo, dende as pousadas onde estivera ata os profesores e condiscípulos: Eu, claro, era “un da aldea”, un da aldea que non sabía falar castelán, e tiven que aprender ben o castelá… Pero, eso si, tiven sempre o calificativo “el de la aldea”. Cando rematou o curso, pregntaron: “¿Quién llevó la [matrícula en debuxo]?”, “El de la aldea, Fraguas… Aquelo xa me deu a min o título de nobreza. Desde que entrei no instituto eu non deixei de ser “o da aldea”. Houbo xa momentos en que presumía de que era “o da aldea” (GONZÁLEZ REBOREDO, 1997: 10).

Alumnos do Instituto de Pontevedra co profesor Alfredo de la Iglesia. Don Antonio é o sinalado co círculo, e pormenor da mesma (1922) (MPG: Fondo “A. Fraguas”)

En Pontevedra espertou o seu interese pola cultura propia e con outros compañeiros e, en particular, Sebastián González García-Paz, fundan a Sociedade da Lingua co principal obxecto de defender a lingua e formar un dicionario: Un día propuxo Sebastián que debiamos organizar un pequeno centro de estudio e comenzar a traballar. Surxíu así unha pequena sociedade que chamamos: Sociedade da Língua, co seu reglamento e unha insignia formada por un pequeno triángulo de plata e as letras S. D. L. colocadas unha en cada vértice do triángulo. Os que formabamos a Sociedade, que eramos poucos, levabamos a insignia e gardabamos segredo do contido, por eso supuñan moitos que era un grupo de fubol ou algo semellante. Ninguén pertencía á agrupación sin ser requerido por nós. Tiñamos como temas de estudio facer un Dicionario Galego, estudiar os blasóns pontevedreses e facer un estudio da economía das repoblacións forestales feitas polos veciños das parroquias e lugares campeíos de Galicia. Este pequeno Seminario de Estudios surxía en abril de 1924 (…) Foi Losada Diéguez, quen ó saber das nosas inquietudes nos alentóu a traballar e díxonos que había que recoller lendas, cantigas, contos e todo canto tivera que ver coa Historia de Galicia e coa sua cultura… (FRAGUAS, 1968:337).

 

 

 

Reglas e preceutos da  Sociedade da Lingua, 1924 (MPG: Fondo “A. Fraguas)

De todos os profesores que tivo en Pontevedra, Losada Diéguez foi quen deixou máis pegada, tanto aquí, como logo en Santiago de Compostela, no Seminario de Estudos Galegos. Por iso, cando xa tiña máis de noventa anos, á pregunta de cales foran as persoas que máis influíran na súa forma de pensar, respondeu sen titubeo:

-Losada Diéguez, o meu profesor de Lóxica en 6° de bacharelato… (GARCÍA LIÑEIRA / TOMÉ CRUZ, 2001: 33).

Talvez tivo aquí os primeiros contactos coas Irmandades da Fala, aínda que se afiliaría ás mesmas xa estando en Santiago, e tamén participou nun mitin político, que se celebrou en Loureiro antes do 13 de setembro de 1923, a prol de Manuel Portela Valladares e promovido polas Sociedades Agrarias do Distrito.

 

Como remate, contaba que por aforrar moitas veces viña ou ía a pé dende a casa ata Pontevedra percorrendo case 20 km, polo chamado “Camiño da Vila” que xa empezaba en Insuela, que describiu deste xeito moitos anos despois: O Camiño da Vila, era o camiño que saía con direución de Pontevedra comenzaba no lugar de Insuela, en Loureiro de Cotobade e tiña un lugar de descanso ó pasar a Carballeira, nos Pousiños, para pousar a carga, que o mesmo podía ser de dous ferrados de centeo como un feixe de casca, carga que se levaba a Pontevedra. O camiño iba polas Chans da Salceda, pasaba pola falda do Sistalto, baixaba á Ponte Borela, a Xesteira, a Vilanova por detrás do Outeiro da Vella, a Soldada deica Bora e seguindo outros atallos entrábase na Boa Vila pola Seca. Era unha vía comercial de moita importancia, principalmente os días das feiras máis importantes que inda se corresponden cos días 1 e 15… (FRAGUAS: 1987).

Páxina anterior: Nacemento, nenez e escola

Páxina seguinte: Santiago de Compostela

 

Bibliografía:

FRAGUAS FRAGUAS, A.  (1968): “Sebastián González García-Paz. Notas da súa vida e do seu tempo”, Grial, 21, Vigo.

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1987): “Camiños  esquencidos”, Faro de Vigo, 28 de xullo.

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1988): “O castro de Famelga”, Faro de Vigo, 13 de febreiro.

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1999): “O lugar e a casa onde nacín”, Grial, 144, Vigo.

GARCÍA LIÑEIRA, Mª. / TOMÉ CRUZ, A. (2001): “Entrevista”, Xeada, “In memoriam”, Instituto “A. Fraguas”, marzo, Santiago de  Compostela.

GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1998): Galegos na Historia: Antonio Fraguas Fraguas: profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, galego de ben, Vigo.

GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. (1997): “Notas dunha conversa con Antonio Fraguas”, Revista Galega do Ensino, 17, novembro, Santiago de Compostela.