Lugo: a liberdade e a volta á docencia

Lugo para min significou o mesmo que para Frei Luís o de “Diciamos onte”: A liberdade. Foi a volta á miña vida académica, por eso nunca poderei esquecer Lugo… Estas palabras escritas nunha tarxeta o 7 de outubro de 1989, co gallo da homenaxe dos exalumnos e a rúa que lle dedicou o Concello nesta data, dan fe do moito que para el significou volver á docencia oficial, malia que non fose en Compostela (MPG: Fondo “A. Fraguas”).

O día un de novembro de 1949 superou en Madrid as oposicións a catedráticos de Instituto de Xeografía e Historia, e o seu primeiro destino foi Lugo, onde se presenta no Instituto Masculino de Ensino Medio (o actual “Lucus Augusti”), o 15 de maio de 1950.

Chegou disposto a seguir, dentro do posible, a metodoloxía que puxera en práctica no da Estrada na década dos anos trinta: ademais do labor docente cotiá, facer traballo de campo cos alumnos para coñecer a historia da cidade e dos monumentos máis senlleiros, así como tamén da contorna co gallo de acadar información de xacementos arqueolóxicos e doutros restos de interese.

Con varios alumnos do Instituto de Lugo (MPG: Fondo “A. Fraguas)

 

 

 

 

 

 

A súa valía intelectual era ben recoñecida, polo que dende que chega xa é convidado a impartir pregóns e conferencias, noméano membro de diferentes institucións (vogal da Comisión diocesana de Arte Sagrada da diocese, colaborador do Museo Provincial, socio dos “Amigos de los Castillos”, etc.). Publica artigos na prensa e recibe varios galardóns en certames literarios. Durante estes anos foi, sen dúbida, o intelectual máis apreciado e solicitado para participar en actos, mesmo por persoas moi distantes ideoloxicamente.

Diploma do máximo galardón do II Certame Literario de Lugo, 14 de xuño de 1952 (MPG: Fondo “A. Fraguas”)

 

 

 

 

 

 

 

 

A petición propia e por concurso de traslados o primeiro de xullo de 1959 tomou posesión da praza de profesor de Xeografía e Historia do Instituto feminino “Rosalía de Castro” de Santiago de Compostela, despois de botar nove anos en Lugo, deixando da súa estadía sona de boa persoa e destacado intelectual, como amosan, ademais das conferencias que impartiu, as publicacións e os artigos xornalísticos que lle dedicou: “Apuntes sobre mámoas lucenses”, “Apuntes para la historia de la Primera Enseñanza en el valle de Quiroga (Lugo)”, “Restos dolménicos próximos a la ciudad de Lugo”, “Castros de la comarca lucense” e o libro Lugo, que xa saíu en 1974. Tamén colaborou na revista Vida Gallega, da que parte da súa segunda andaina desenvolveuse nesta cidade, entre 1956 e 1963, na que publica, cando menos, 45 artigos, o primeiro en 1955 e o último en 1961, cando xa residía en Santiago.

O 7 de outubro de 1989 os exalumnos acordaron renderlle unha homenaxe e á vez solicitar ao Concello que lle puxese o seu nome a unha das rúas. A petición ao alcalde empeza con estas palabras: A Promoción de Bachilleres do Instituto Masculino de 1.953, tendo en conta as extraordinarias cualidades humáns, intelectuais e docentes que concorren no que foi noso Profesor D. ANTÓN FRAGUAS FRAGUAS, acorda dirixirse a V. I. e pedir que na próxima nomenclatura desta cidade se inclúa unha rua adicada ó nome de tan querido maestro.

            Aínda que a persoalidade do Profesor Fraguas é dabondo coñecida, nós non podemos silenciar o noso recoñecemento pola súa influencia na sensibilidade adquirida hacia a historia e a nosa arte. Por outra banda, o seu delicado respeto ós alumnos e o seu concepto de ensinanza responsable á que adicou os seus millores anos, obríganos a consideralo un exemplo de maestro… (MPG: Fondo “A. Fraguas”). 

Tarxeta do xantar da homenaxe a Don Antonio en Lugo (7 de outubro de 1989)

 

O seu compañeiro na Real Academia Galega, José Trapero Pardo, na sección “E Pelúdez dixo…” que publicaba no xornal El Progreso polas festas de San Froilán, tampouco se esqueceu este ano da súa homenaxe: Dixo Pelúdez: O que non podiamos faltar era ó homenaxe que o Concello fixo a don Antonio Fraguas ó dar o seu nome a unha rúa de Lugo. A don Antonio muito o apreciei i aprecio, polo que traballou en Lugo, polo que leva escrito i porque é home tan llano, tan sin fumes, inda que podía telos polo seu saber, que non ten a menos falar con xente comma min, que hastra conmigo se tén rido das miñas parvadas. ¡Don Antonio, viva muitos anos con salú! que os que drento dunhos anos pasen por isa rúa, digan ó ler o rétalo:

Foi bon noso profesor, foi bon escritor, foi bon amigo de todos! (TRAPERO PARDO, 1989: 194).

 

 

 

 

 

 

Páxina anterior: Os primeiros recoñecementos.

Páxina posterior: De novo en Compostela. O Museo do Pobo Galego.

 

Bibliografía:

TRAPERO PARDO, J. (1989): “”E Pelúdez dixo… ¡Non te fagas ilusiós!” El Progreso, Lugo, 8 de outubro.