DÍA DO TRAXE GALEGO 2021

Don Antonio Fraguas, na súa obra “El Traje Gallego”, na páxina 29, cita unha descrición amorosa e sentida sobre o traxe que fai Emilia Pardo Bazán:

“ Se naceu na Mahía, en algúns dos ricaces vales que rodean a Iria Flavia e Compostela, cinguirá a súa cabeza, con cinta de tons vivos a fermosa cofia de puntilla transparente. Se fose no Ribeiro de Avia ou nas proximidades de Ourense, levará un pano de seda escuro, que realzará a brancura do rostro oval, e cinguirá detrás o curto dengue con dúas cunchiñas de prata. Se abriu os ollos nas poéticas beiras das Rías Baixas, ou en Muros, vestirá o rico traxe que namora a cantos o ven: vasquiña de claras cores, corpiño de negro raso, ancho mantelo de brillante sedan, faixa de panilla e recamado de acibeche, pano de crespón de cor lacre ou canario, os flocos caen acariñando a cadeira airosa, como as polas do salgueiro sobre o tronco; levará na gorxa pesados colares de filigrana de ouro, fíos de contas, e das súas miúdas orellas pendurarán os brincos e sobre o peito brillará a peza coñecida por sapo. Aínda que con razón, as muradanas, presumen, polo seu elegante traxe, de levar a palma en Galiza, eu coido que o traxe clásico da muller galega é o que empregan as da miña comarca, as mariñanas. Estas locen dengue vermello adornado con negro veludo suxeito detrás con broche de prata, o xustillo é de drogué, moi escotado posto sobre a chambra de lenzo con mangas moi frouxas e puños fruncidos; o soberbio mantelo non desmerece en riqueza a calquera outro e átase detrás con cintas de seda moi coloridas; debaixo da saia do mantelo vese media cuarta de saia vermella e un dedo do refaixo de baeta amarela e o zapato de coiro con lazos de galón azul; cingue o seu pescozo unha gargantilla de filigrana e sobre dos seus ombreiros leva o pano de branca muselina, moi rameado.”

Segue a dicir Don Antonio:

“Como fixemos en outras ocasións é imprescindible utilizar os versos de Rosalía de Castro lembrando as xentes que acudían á romaría da Virxe da Barca, da Pedra Abaladoira, da Pedra dos Cadrís e do misterioso barco navegando ata as nosas costas e que chegan no día da romaría en botes de vela e lanchas de remos e, Rosalía descríbeos así:

Todos cargadiños veñen,

de xentiña forasteira,

e de rapazas bonitas

cura de tódalas penas.

¡Cantos dengues encarnados!

¡Cantas sintas amarelas!

¡Cantas cofias planchadiñas!,

dende lonxe relumbrean,

cal si fosen neve pura,

cal froles de primavera.

¡Canta maxexa nos homes,

canta brancura nas nenas!.

Y eles semellan gallardos

pinos que os montes ourean,

y elas cogolliños novos

co orballo da mañán fresca.”

Colección Museo do Pobo Galego, Fondo Antonio Fraguas Fraguas

Op. Cit.: Antonio Fraguas y Fraguas, “El Traje Gallego”. Fundación Pedro Barrie De La Maza, 1985.
Encarna Otero Cepeda, Fundación Antonio Fraguas.
Día do Mar, 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *