O político: das Irmandades da Fala ao Partido Galeguista

O primeiro acto político no que se sabe que tomou parte foi nun mitin que se celebrou en Loureiro cando acababa de rematar quinto de Bacharelato, promovido  polas Sociedades Agrarias do Distrito e a favor de Manuel Portela Valladares. Non lembraba a data, só dicía que fora pouco antes do golpe de estado de Primo de Rivera, do 13 de setembro de 1923.

Folla anunciando o mitin de Loureiro (sen data, pero pouco antes do 13 de setembro de 1923) (MPG: Fondo “A. Fraguas)

Nos últimos meses de 1924 (chegara a Santiago en setembro) afíliase á Irmandande Nazonalista Galega, aínda que se supón que quizais tivera antes algúns contactos coas Irmandades da Fala en Pontevedra.

Non se sabe a data exacta, unicamente que se desenvolve como segue: Xa en Santiago, estaban organizadas as Irmandades da Fala, das que era presidente Vicente Risco. E un día veu el a Santiago, cos máis significativos representantes da galeguidade, para non lembro que acto, e veu onda min Ramón Martínez, que en paz estea, e animoume a entrar. Fomos á casa de Camilo Díaz, o pai de Isaac Díaz Pardo, e alí estaban Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, e así me meteron. Logo as Irmandades da Fala reconvertéronse no Partido Galeguista. E malia que alguén do Movemento me acusou de comunista, eu, coma Castelao, só fun galeguista e nada máis ca iso (LATAS, 1995: 55).

A piques de rematar 1929 ou xa a comezo do ano seguinte, toma parte na xuntanza das Irmandades da Fala da Coruña, Ourense e Santiago que se celebra nesta última cidade, na que acordaron a fundación dunha organización nacionalista pura, sen parlamentarismo, nin regramento, o máis segreda, rápida e eficaz posible… (BERAMENDI, 2006:185).

Asiste aos actos que se celebran no concello compostelán co gallo da proclamación da II República, o 14 de abril de 1931, e o 14 de xuño seguinte, é un dos asinantes do Manifesto de Ezquerda Galeguista (con Sebastián González, Xosé Eiroa, Ánxel Casal, Álvaro das Casas, Lois Tobío, Primitivo R. Sanjurjo, Carballo Calero, etc.), polo que se comprometen a non aceptar nomeamentos políticos de Madrid; desligarse de todos os partidos existentes (si ben non abandonamos a posibilidade de xuntar nosos esforzos aos que teñan un contido manifestamente ezquerdista, no caso de que o ben de Galiza esí o requira); e poñer a vida e a alma pola independencia da nosa cultura, o dereito indiscutible do pobo galego á autodeterminación, a desgravazón absoluta da terra pra quen a traballa e a negazón da susistencia económeca aos que non rendan unha función social.

Tamén acordaron absterse nestas eleiciós antidemocrátecas, mantendo seu dereito a vixiar aos candidatos trunfantes sobre moitos dos cuaes recaen nosas sospeitas de que treizonarán os outos intreses da Repúbrica e os sagros dereitos do pobo galego que cifra, no Estatuto Rexional aprobado o catro dos correntes na Cruña, a sua derradeira posibilidade de entendemento co resto de Hespaña… (“A ezquerda…”, 1931:2).

Parece case segura a súa intervención na creación do primeiro grupo do Partido Galeguista no concello de Cotobade, no mes de abril de 1932, ao que seguiron outros máis. O 7 de maio do mesmo ano, con Otero Pedrayo, Castelao, Leuter González e Víctor Casas participa nun mitin na vila de Maside, capital do concello onde nacera a nai, a favor do Partido Galeguista e do Estatuto de Autonomía, para o que se repartiron máis de 3.000 follas anunciando o evento,  segundo lle di por carta Leuter González o 29 de abril. Tamén lle pediu que asistise ao grande mitin galeguista na crara vila de Maside  Ramón Otero Pedrayo, daquela deputado a Cortes por Ourense (MPG: Fondo “A. Fraguas”, correspondencia).

Carta de R. Otero Pedrayo, sen data, na que lle pide que participe no mitin de Maside (MPG: Fondo “A. Fraguas”, correspondencia)

Contaba que dende entón o patriarca cando se dirixía a el case sempre o trataba de “Deputado por Listanco”, como lle contou en Trasalba, o 26 de xuño de 1988, ao escritor masidao Xosé Ricardo Rodríguez Pérez:

Xa ao remate dos actos, e antes de voltar, estabamos compartindo coa xente da vila cando notámola falla de Castelao, e non sei quen fora, quen se decatara, pero de seguida topámolo, andaba ó derredor do cruceiro de Maside tomando notas e facendo debuxos… [E remata con que dende aquela] Otero Pedrayo na correspondencia que mantiñamos sempre se dirixía a min chamándome  –“ Señor Deputado por Listanco”…

O de Castelao foi certo, xa que anos despois incluíu na lámina que lle dedica ás diferentes representacións do torso de Cristo cravado na cruz o do magnífico cruceiro de Maside, obra do artista Francisco Franco, natural da vila pontevedresa de Marín (CASTELAO, 1950:154; RODRÍGUEZ PÉREZ, 1988).

O 17 de decembro do devandito ano participa na Asemblea de Municipios que se celebra na Facultade de Medicina a prol do Estatuto de Autonomía, dende o que en adiante o Partido Galeguista se converte no principal dinamizador e impulsor do mesmo ata o plebiscito de 1936.

A comezos de 1933 a Liga Compostelana pro Estatuto promove a creación de “EAJ-4 Unión Radio Galicia”, cos estudos primeiro no edificio do antigo convento de San Domingos de Bonaval e logo xa na cidade, pero a antena sempre na parte máis alta da horta de San Domingos (o actual parque público do mesmo nome).

Emite a maior parte da programación en galego, na que participan activamente Castelao, Manuel Beiras, Filgueira Valverde, Xurxo Lorenzo, Suárez Picallo, Álvaro das Casas, González García-Paz, etc.), e tamén el, como conferenciante e en emisións radiofónicas de obras, como o 30 de abril en ¡Vaites, vaites!, pasatempo en galego de Ricardo Frade Giráldez (Touro, 1877 – Santiago, 1940), xunto con Lola e Elena San Luís e Xosé Mosquera Pérez (O vello dos contos) (ÁLVAREZ, 2013).

Emitindo ¡Vaites, vaites! de Ricardo Frade Giráldez, o 30 de abril de 1933. Don Antonio é o primeiro pola esquerda (MPG: Fondo “A. Fraguas)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Placa conmemorativa na parte máis alta do parque de San Domingos de Bonaval onde estivo a antena de Unión Radio Galicia, na que consta que a radio en Galicia naceu aquí

Durante a estadía no Instituto da Estrada foi elixido Secretario Xeral do Partido Galeguista na vila, e toma parte moi activa nas dúas eleccións que se desenvolven  en 1936. Na primeira, o 16 de febreiro, sae vencedora a coalición da Fronte Popular, da que formaba parte o seu partido. Resultou elixido concelleiro de elección popular e estivo a piques de ser nomeado alcalde, ao que renunciou o 24 de marzo por non estar de acordo cos representantes dos outros partidos (MAÏSSA RODRIGO, 2018: 339).

Na segunda, a do plebiscito do Estatuto de Autonomía, a finais de xuño, participa en todos os mitins que se dan no concello estradense: o día 11 na parroquia de Callobre, e pola tarde na de Tabeirós; o 13 na de Oca, diante da capela do pazo; o 14 nas de Codeseda e Rubín (O Foxo)… e o 26 no da Estrada, no que tamén participaron importantes oradores, como Castelao e Enrique Rajoy Leloup. Repartíronse miles de exemplares do Estatuto.

Da segunda campaña contaba a seguinte anécdota: o mitin na parroquia de Oca foi o 13 de xuño, día de Santo Antonio, ao que lle fan festa na capela do pazo, e que como había moitas mozas por se considerar a este santo moi “casamenteiro”, Don Antonio, dirixíndose a elas, díxolles que votasen a favor do Estatuto porque de non facelo igual as castigaba e quedaban solteiras: Que pensasen ben o que ían facer…! (GONZÁLEZ PÉREZ, 1998:24).

Como remate, xa que foi seis días antes da sublevación militar, participou na  creación do periódico La Voz de Cotobad. Órgano defensor de los intereses del Municipio, su comarca y limítrofes, do que lle propuxeron a dirección, que non aceptou por estar na Estrada.

Folla para subscribirse a La Voz de Cotobad (MPG: Fondo “A. Fraguas)

 

 Don Antonio non desempeñou ningún posto político de importancia, agás durante parte da estadía na Estrada que foi Secretario Xeral na zona do Partido Galeguista, pero, como afirma Justo Beramendi, estivo sempre aí, alomenos dende que chegou a Santiago, cunha dedicación disciplinada, calada, continua, como bo e fiel soldado que defende sempre ata o final a posición que lle encomendaron os mandos. E, sempre na procura dese ben precioso para todo movemento político, a unidade, e máis se ese movemento está empezando e non pode permitirse aumentar a súa  flebeza con retesías internas (BERAMENDI, 2006:182).

 

 

 

Páxina anterior: Santiago de Compostela.

Páxina seguinte: A Estrada.

 

 

Bibliografía:

Museo do Pobo Galego: Fondo “A. Fraguas”, correspondencia.

“A ezquerda galeguista fálalle o país” (1931), A Nosa Terra, 1 de xullo, A Coruña.

ÁLVAREZ, A. (2013): Historias de Radio Galicia: 80 anos contigo, 1933-2013, Radio Galicia SER, Santiago.

CASTELAO (1950): As cruces de pedra na Galiza, B. Aires.

BERAMENDI, J. (2006): “O soldado fiel”, en GARCÍA MARTÍNEZ, C. / FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª. X. /GONZÁLEZ REBOREDO, X. M.: Antonio Fraguas Fraguas, 1905 – 1999. Ofrenda no seu centenario, Museo do Pobo Galego – Fundación Antonio Fraguas Fraguas – Xunta de Galicia, Santiago.

GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1998): Galegos na Historia: Antonio Fraguas Fraguas: profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, galego de ben, Vigo.

LATAS, R. (1995): “Antón Fraguas Fraguas, cronista oficial de Galicia”, Encrucillada, 95, Santiago.

MAÏSSA RODRIGO, G. (2018): “Concelleiros na guerra civil 1936-1939”, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 21, A Estrada.

RODRÍGUEZ PÉREZ, X. R. (1988): “Un cruceiro de Maside de 1832, estudiado por Castelao”, La Región, 24 de agosto.