Letras Galegas 2019

A Real Academia Galega dedica o día das Letras Galegas 2019 ao mestre, historiador e etnógrafo Antonio Fraguas Fraguas.

O seu compromiso co país, a súa talla intelectual, a súa calidade humana fano merecente da honra de ser homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Ao longo deste ano a Fundación e o Museo do Pobo Galego, depositarias do seu legado intelectual, traballaremos conxuntamente por manter e difundir o seu labor docente e científico, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

O pleno do día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas Fraguas tivo lugar na carballeira de Falmega (Cerdedo-Cotobade).

Ao longo do 2019, até o 28 de decembro, pode visitarse unha exposición sobre a súa vida e a súa obra na sede do Museo do Pobo Galego.

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas multiplicouse o material dispoñible nas redes dixitais do homenaxeado. Co fin de facilitar o seu acceso recollemos unha páxina sobre a presenza de D. Antonio Fraguas Fraguas nas redes.

 

Na mesma pode accederse a material de libre disposición sobre a súa vida obra, incluíndo gravacións de discursos e entrevistas de D. Antonio; unidades didácticas, materiais de apoio, contidos biográficos, conferencias, documentais, e roteiros elaborados a partir da súa figura.

Destacamos os traballos realizados con distintos formatos e técnicas para o Día das Letras polo alumnados de moitos centros de distintos niveis educativos.