Adeus ao “aldeán” de Loureiro de Cotobade

Non deixou de traballar mentres tivo folgos para escribir, como amosa o que o 31 de outubro de 1999 aínda publicase o derradeiro artigo no xornal compostelán O Correo Gallego, “Ó lado de Don Xosé López Suárez”, no que lembra a estadía nas terras luguesas do Saviñao en 1928 con Florentino López Cuevillas e María Pura Lorenzana, cando estudaran as mámoas desta zona grazas a unha axuda da Junta de Ampliación de Estudios e de Xan de Forcados (pseudónimo do doutor lucense Xoán López Suárez). (FANDIÑO, 2003).

O día 5 de novembro faleceu na súa querida Compostela, a capela ardente estivo instalada no auditorio do MPG, e o Concello emitiu unha declaración institucional na que recoñecía que Santiago ten unha débeda impagable con D. Antonio Fraguas, que foi non só un dos impulsores do Museo do Pobo Galego, que hoxe é un orgullo para a nosa cidade e para toda Galicia, senón o autor dalgunha das páxinas máis fermosas escritas sobre Compostela, á que transitou e desentrañou como poucos…

Recibiu sepultura á entrada do cemiterio, na parte dedicada a persoas ilustres, onde xa descansan Ramón María del Valle-Inclán e Aurelio Aguirre Galarraga (un dos protagonistas do Banquete democrático de Conxo en 1856), e dende o 5 de xaneiro de 2012 tamén ao seu carón o amigo Isaac Díaz Pardo:

Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio. A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra (GONZÁLEZ PÉREZ, 1998:51)

 

 

 

 

 

 

 

Páxina anterior: De novo en Compostela

Páxina seguinte: Recoñecementos e premios

Bibliografía:

FANDIÑO VEIGA, X. R. (2003): Juan López Suárez ou “Xan de Forcados”: home de ciencia e impulsor das melloras culturais en Galicia, Ed. do Castro, Sada.

 

GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1998): Galegos na Historia: Antonio Fraguas Fraguas: profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, galego de ben, Vigo.