A Estrada: o Instituto e a ilusión truncada

O 16 de xullo de 1932 contrae matrimonio en Valga (Pontevedra) con Teresa Martínez Magariños, onde nacera o 2 de marzo de 1903.

O matrimonio ao pouco de casar (1934) (MPG: Fondo “A. Fraguas”)

Continua traballando no SEG, á vez que imparte clases como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras, e na “Academia Gelmírez. Colegio Residencia”, situada entre as rúas da Conga e Xelmírez, da que consta como director técnico. Ata que no mes de outubro de 1933 supera en Madrid as oposicións a profesor “cursillista” de Xeografía.

Escolle como destino o Colegio Subvencionado – Estatal da Estrada no que tomou posesión o día 4 de novembro, malia que as clases  non comezaron ata o primeiro de decembro por non estar rematado o edificio, unha antiga fábrica de mobles. Nos anos sucesivos pasou a denominarse Instituto Elemental de Segunda Ensinanza e con posterioridade Instituto Nacional de Segunda Ensinanza (MAÏSSA RODRIGO, 2012).

Non se conformou só coa docencia na aula, senón que organiza saídas co alumnado para coñecer os monumentos da contorna, como a torre de Guimarei, catalogar os xacementos arqueolóxicos e, nalgúns casos, ata facer pequenas catas para descubrir restos. Ademais con estes materiais e con outros achegados polos veciños montou un museo no instituto, co pensamento de que algún día se convertese no Museo da Terra de Tabeirós ou da Estrada, con sede na devandita torre de Guimarei (tanto daquela como agora en estado ruinoso): Hai algunha torre transformada en parador, outras en museo co que eu soñei un día dándolle canto atoparamos nos castros onde fixemos pequenas catas. Aquello foi un soño e a torre era lugar dunha granxa que un día visitamos o profesor Mosquera Caramelo e máis eu cun grupo de alumnos. Bueno, os soños non son máis que iso; pero quén sabe se outro día alguén soña ó redor da Torre de Guimarei… (GONZÁLEZ PÉREZ, 1998:23).

Traballa arreo a prol da mellora cultural dos alumnos e dos veciños en xeral, en particular coa creación dunha biblioteca, xa que na vila non había ningunha. Á vez dirixe o cadro de declamación da Agrupación “Artística Estradense”,  preside o “Comité central pro monumento a Pardo de Cela” que se ía levantar na Estrada co gallo do 450 aniversario do axustizamento do Mariscal en Mondoñedo; é Secretario do Partido Galeguista e, como queda dito,  participa activamente nas eleccións do 16 de febreiro de 1936 das que resultou vencedora a coalición da Fronte Popular, e nas do plebiscito do Estatuto de Autonomía a finais de xuño do mesmo ano.

 

 

O antigo Instituto da Estrada, dende o curso 1936-1937 “Colegio de la Inmaculada Concepción” (actualmente abandonado

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A torre e o pazo de Guimarei, 1975 (Foto: Clodio González Pérez)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Con varios profesores e amigos na Estrada (MPG: Fondo “A. Fraguas”)

 

 

 

 

 

 

 

Excursión ao castro de Trasmonte (San Martiño de Barbude). Don Antonio é o segundo da primeira fila, empezando pola dereita (MAÏSSA RODRIGO, G.: “O Instituto da Estrada nas súas fontes hemerográficas e documentais, Parte I (1933-1960), A Estrada. Miscelánea histórica e cultura, 15, 2012)

O 18 de xullo de 1936 estaba de vacacións na súa casa de Loureiro. Alí foron por el os falanxistas e tamén os da Guardia Cívica de Pontevedra, pero de día fuxía para o monte e á noitiña a nai prendía un farol nunha das fiestras da casa, co que o avisaba que non había perigo e podía volver. Fixérono varias veces ata que cansos de non dar con el, unha delas escribiron na lumieira dunha das portas do curral en grandes caracteres <1.936>, ao tempo que lle dicían á familia que era para que sempre se lembrase deste ano. A “pintada” aínda se pode ver agora porque nunca a quixo borrar, nin cando arranxou a casa.

   

 

 

 

 

 

 

 

Ante o perigo que corría, fuxiu a Santiago, para a casa dun familiar da muller. Aquí soubo do fusilamento de Camilo Díaz, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e doutros moitos, así como do peche do Seminario de Estudos Galegos e da subtracción dos fondos de máis valor por parte dos sublevados.

Aínda así, nos primeiros días do mes de setembro atreveuse a ir á Estrada para preparar os exames e comezo do curso por ser o secretario do centro. Ao pouco de chegar xa foi detido: Despois de cear, chegou á pousada un rapaz de trece ou catorce anos –un coñecido adolescente falanxista– e comunicoulle que traía orde de que o acompañase. E tivo que ir con el… (GONZÁLEZ PÉREZ, 1998:25). Malia que sempre se negou a contar o sucedido, dixo o seguinte nunha entrevista en 1997:

Primeiro déronnos o ricino e logo mandáronnos borrar con cepillos e sosa viva todas as pintadas de ESTATUTO SI, que fixeramos no chan, arredor da fonte e noutros lugares concorridos. Os rapaces da vila, por me favorecer, na vez do cepillo e a sosa metéronme nas mans unha bandeira, que sería a falanxista, digo eu. Tiñamos que ir cantando o Cara al sol, pero como eu non o sabía, trabucábame e díxome un deles: Non cante, don Antonio, non cante; deixe… (LÓPEZ, 1997).

Ademais tamén se sabe que tivo que fregar, como lle contou a un amigo un día que estiveron na Estrada: ao chegar fronte ás escaleiras da casa do concello, que era onde estaba escrito ESTATUTO SI, díxolle moi baixiño, como con medo: –Moito freguei aquí.

Descrición que coincide coa de persoas que foron testemuñas dos feitos, como Mario Blanco Fuentes, logo alcalde da Estrada:

… Los primeros días después del 18 de julio fueron de escuchar las radios –había entonces en la villa unos veinte receptores en total-, de esconderse los de izquierdas algo y de la proliferación de los falangistas (…) Hasta finales de julio no se radicalizaron las posturas (…) Los falangistas que campaban por sus respetos empezaron a detener a gentes de izquierda y llevarlas al cuartelillo de Falange (…)

Estaba muy reciente la propaganda que se había hecho a favor del Estatuto, y entre ella se había pintado un letrero en tela que decía: Votade ó Estatuto, pintado en los soportales del ayuntamiento con pintura de aceite. Esta traspasó la tela y quedó grabado en el suelo la frase.

El partido galleguista era dirigido en La Estrada por un profesor [Antonio Fraguas] de Historia y Geografía del Instituto de Enseñanza Media y de él formaban parte varios jóvenes y alguna persona madura.

Un grupo de estos galleguistas escoltado por varios falangistas, una noche fueron llevados por todo el pueblo cantando el Cara al sol y portando la bandera de Falange el mencionado profesor, para limpiar y hacer desaparecer –lo que no se consiguió–, el Votade ó Estatuto, aún habiendo obligado a los que lo hicieron a emplear sosa cáustica, con lo que algunos tuvieron que sufrir quemaduras en las manos. Viven aún varios que lo recordarán.

A otros galleguistas se les cortó el pelo al cero (…) Y también otros de los inventos que se les ocurrió, como hiciera Mussolini en Italia, fue dar de beber aceite de ricino, que, en algunos casos llevaba mezclado aceite de coches… (BLANCO VALDÉS, 2003: 115).

 

Restos cerámicos procedentes do Museo do Instituto da Estrada, actualmente no Museo do Pobo Galego (MPG: Arquivo fotográfico)

A mesma sorte correu o museo do instituto da Estrada, que foi desbaratado polos falanxistas e o centro clausurado ese mesmo curso, salvándose non máis que algúns anacos de cerámica que recolleu o entón xuíz da Estrada e amigo de Don Antonio, Fermín Bouza-Brey (REY CASTIÑEIRA, / RODRÍGUEZ CALVIÑO, 2001).

O local, co mobiliario e todo o demais, pasou ao “Colegio de la Inmaculada Concepción”, patrocinado polo Concello e como director o párroco, Nicolás Mato, e secretario outro crego. Para coñecer o seu ideario abonda con ler o capítulo “Organización, disciplina moral y religiosa” da memoria que en 1938 enviaron ao Concello e ao reitorado da Universidade Compostelá: Españolismo rancio con estilo nuevo y catolicismo sentido y bien comprendido son los dos grandes pilares sobre los que se asentará la formación de los alumnos del Colegio de la Purísima Concepción. En este sentido se encamina toda la disciplina en la que ocupa puesto de preferencia el amor y respeto mutuo y hacia los superiores y todo aquello que de alguna manera contribuya a desarrollar y formar la personalidad del caballero cristiano y español y de la mujer auténticamente femenina y español a su vez… Non volveu haber instituto na Estrada ata o curso 1967-1968, en que se inaugura o Instituto Nacional de Enseñanza Media mixto de La Estrada (MAÏSSA RODRIGO, 2012: 58, e 2013:41).

Don Antonio non volveu a esta vila ata que, contra a súa vontade, tivo que facelo o 30 de agosto de 1959, ante a ameaza de parte dos exalumnos de que se non o facía  entón irían eles á súa casa de Loureiro, onde estaba pasando as vacacións. Era o propio alcalde, o xa nomeado Mario Blanco Fuentes, quen propiciaba unha xuntanza de exalumnos do desaparecido instituto cos antigos profesores como recoñecemento pola súa alta calidade educativa e a súa profunda humanidade.

Negouse a asistir coa desculpa de que non se atopaba ben de saúde, pero díxolle Alfonso Varela Durán, daquela médico en Santiago: D. Antonio: eu, que non fun alumno daquel inesquecible instituto, veño aquí suplicarlle que vaia mañán á Estrada, porque hoxe cando cheguei de Santiago atopeime a todos os seus antigos alumnos totalmente desmoralizados pola súa ausencia cando tanto profesores como alumnos o consideran a vostede o máis representativo. Posiblemente, se non vai mañán á Estrada, os douscentos alumnos virán estar aquí con vostede. Gardou el un pouco de silencio e despois contestou que iría coa condición de que fose só un acto de confraternidade.

O domingo pola mañá foino buscar a Loureiro un exalumno. Os outros profesores e douscentos alumnos estaban esperando diante do que fora instituto (a sazón “Colegio de la Inmaculada Concepción”), e o recibimento que lle fixeron foi emocionante: todos os alumnos abrazáronse a él, algúns chorando e don Antonio, moi feliz e sorriente, abriu os seus brazos como querendo acollelos a todos no seu peito… (VARELA, 2012:112).

Acto de homenaxe aos profesores do antigo Instituto da Estrada, o 30 de agosto de 1959, Don Antonio está no centro (VARELA DURÁN, A.: “Xuntanza homenaxe ós profesores do ‘Instituto Nacional de Segunda Enseñánza’. A Estrada, 30 de agosto de 1959”, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 15, 2012)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina anterior: O político.

Páxina seguinte: A guerra civil e a posguerra.

 

Bibliografía:

BLANCO VALDÉS, J. L. (2003): “A Estrada, 18 de xullo de 1936. Dous testimonios”, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, A Estrada.

GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1998): Galegos na Historia: Antonio Fraguas Fraguas: profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, galego de ben, Vigo.

LÓPEZ, S. (1997): “Antón Fraguas: O tempo non é para matalo, senón para vivilo”, La Voz de Galicia, 3 de agosto.

MAÏSSA RODRIGO, G. (2012): “O Instituto da Estrada nas súas fontes hemerográficas e documentais. Parte I (1933-1960)”, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 15, A Estrada.

REY CASTIÑEIRA, J. / RODRÍGUEZ CALVIÑO, M. (2001): “Novas imaxes da arqueoloxía castrexa estradense a través das coleccións Bouza-Brey e Fraguas Fraguas do Museo do Pobo Galego”, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, A Estrada.

VARELA DURÁN, A. (2012): “Xuntanza homenaxe ós profesores do ‘Instituto Nacional de Segunda Enseñanza’. A Estrada, 30 de agosto de 1959”, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 15, A Estrada.